-Vai ter o próximo curso unha especial importancia para o seu grupo?

-Desde logo, este ano vai ser crucial dentro da lexislatura porque esperamos que se visualicen os avances políticos que supuxeron a entrada do nacionalismo no Goberno municipal. O máis importante neste momento é artellar unha enorme cohesión social arredor dos proxectos municipais, entre os que os máis importantes son o novo plan xeral e a constitución da área metropolitana para aumentar os servizos aos cidadáns.

-Pensa que a presenza do PP no Goberno da Xunta pode supoñer unha dificultade na súa tramitación?

-Nin se me pasa pola cabeza porque me parecería dunha gran irresponsabilidade que por motivos políticos se dificultara a execución dun plan que vai ser decisivo para os vindeiros cincuenta anos. Se fracasamos, vai ser un fracaso de toda a cidade; pero se acertamos o logro non será do Goberno local, senón tamén de todos pola envergadura do cambio que permitirá. Non quero pensar que a Xunta vaia poñer ningún tipo de atranco máis alá dos legais, que todos temos que cumprir.

-A política de emprego está en mans do BNG no Concello. Vai ter relevancia este ano ante a situación de crise?

-O emprego é para nós un tema crucial. O proxecto que máis tempo me ocupa actualmente é a Rede Coruña Emprega, no que participan 14 entidades de todo tipo, co que queremos facer un Pacto Local polo Emprego para que a toda a formación ocupacional estea en relación coa demanda das empresas.

-Considera que a crise pode afectar aos proxectos municipais?

-A crise vai afectar dunha maneira importante ao finanzamento municipal porque os concellos dependen dos impostos propios e da participación nos ingresos do Estado. Se diminúen estes últimos, a participación lóxicamente se pode resentir. Hai unha necesidade imperiosa de reformar a lei de finanzamento local, porque aos concellos cada vez se nos piden máis competencias e non se nos dan os medios. Sobre os fondos FEIL, penso que deberían permitir algunha obra plurianual que sexa importante e que non se poida realizar nun ano.