Lina aínda garda o seu contrato de traballo no Stella Maris, o local da Pastoral do Mar, ao que todos chamaban Talamares. Marchou por necesidade, porque precisaban outro soldo na casa e ela non tiña traballo, así que puxo rumbo a Terranova e alí estivo pouco menos dun ano; servindo os mariñeiros, poñéndolles de comer e de beber, pero tamén escoitando o que pasaba abordo dos barcos, tratando de facer que se comunicasen coas súas familias e tendo conta da radio dos embarcados; esa que tiña como idioma oficial o castelán pero na que se falaba, sobre todo, o galego e o vasco. Os idiomas propios dos que tiñan que descabezar e preparar o peixe coas súas mans. "Foi unha experiencia tan forte que aínda a estou dixerindo", explicaba onte Lina, rodeada dos homes cos que aprendeu a ver doutro xeito o mundo. "O caciquismo non só existe aquí", e non quixo seguir falando Lina que ten gravadas a ferro na memoria as inxustizas vividas. Reuníronse co gallo da exposición que, dende hai uns días colga das paredes do Aquarium Finisterrae, As visións do bacallau, unha escolma das instantáneas que o fotógrafo Lucien Girardin realizou hai décadas, dos mariñeiros de Terranova e da pesca deste peixe cuxa cabeza no prato era sinónimo de festa, pero espertaron moitos máis recordos que os do mar; desentumecéronse os soños da mocidade, os dos discos dedicados e os dos resultados da liga inventados por non chegar o sinal de Radio Nacional á emisora local e os do recendo a xabrón da volta á casa.