A renuncia do vicealcalde Henrique Tello a se presentar liderando a candidatura do BNG para as eleccións municipais do 2011 abriu un proceso de nominación de candidatos no que abrollan básicamente tres sensibilidades que representan o pluralismo do BNG, pluralismo que é cotián en calquera outra forza nacionalista europea (CDC, ERC, PNV, SNP escocés, PC galés?) que adoitan representar coalicións amplas con distintas culturas organizativas e distintas propostas políticas, sociais e económicas que se unen, porén, na consideración da Nación común como a súa razón de ser e na esixencia do seu autogoberno como chave para acadar a recuperación e plenitude social, económica e cultural de cadanseu País.

Xa que logo, o pluralismo non é malo, senón que é consustancial ao nacionalismo galego, é xenético no galeguismo político. A mágoa e que, n'A Coruña, este pluralismo, con ser moi importante e vivo, non acade aínda máis sectores sociais. Porque, aprezando a grande presenza do BNG coruñés no sindicalismo, en parte moi importante do movemento veciñal, no feminismo, no asociacionismo cultural, na Confraría de Pescadores?e máis a súa progresión no asociacionismo deportivo e empresarial, aínda sería desexábel unha meirande presenza dos nacionalistas galegos en toda a capilaridade da sociedade civil coruñesa, que está a recuperar os espazos que 24 anos de vazquismo lle furtaron.

O momento político é apaixoante. O devalo do chamado lobby coruñés e innegábel e isto posibilita unha cidade e área urbana máis libres , creativas e participativas. Mais o risco evidente é que opcións políticas da dereita española ou do localismo oportunista, que non entenden nin esta cidade nin esta área urbana na súa complexidade plural e, sobre todo, non entenden a remuda sofrida polas mesmas nos últimos dez anos, poidan achegarse ao Poder municipal diante da falla de proxecto claro e referente social das opcións que compoñen o bipartito gobernante.

Velaí que o BNG habería xogar intelixentemente as súas fortalezas e oportunidades neste intre. E isto obriga a un discurso común a toda a área urbana, de xeito que non defendamos cousas distintas no Cantón Grande, en Santa Cruz ou en Vilaboa. E obriga, tamén, a unha proposta programática e de persoas dende a unidade, porque o momento pide unha candidatura común de todos e non a que sexa produto dunha maioría absoluta curta contra dunha ampla minoría.

Mais de pouco servirían unha candidatura unitaria e un discurso común a toda a comarca sen que esta candidatura e discurso se concibisen como instrumentos para a apertura social. O BNG ten a sua parroquia nunha ampla maioría social e por iso require de moita participación e sensibilidade na escolla dos candidatos, escolla que haberia estar aberta mesmo á selección de independentes próximos ao proxecto nacionalista para determinados postos da candidatura, como precisa expresión desa confianza do BNG coruñes na sociedade á que se dirixe e para quen traballa.

Candidatura de unidade, proxecto de futuro, selección dos candidatos en sintonía coa maioría social á que se dirixe e unificación de discurso entre concello e área urbana. Velaí as fortalezas e oportunidades do BNG para superarmos as feblezas e ameazas que, nun momento político tan complexo, existen a respecto do seu proxecto político. Nacionalista e socialmente transformador.