O festival Outono Fotográfico, unha das principais citas artísticas destas características en Galicia e que conta con 25 anos de historia, presentará un completo programa de exposicións e actividades na cidade. En total, serán dous cursos, dúas charlas-seminario e unha proxección, que se celebrarán no local da Asociación Fotográfica Posición B, nas galerías de Santa Margarida, ademais de cinco exposicións, as actividades de Outono Fotográfico que se poderán disfrutar na cidade entre novembro e xaneiro.

A programación do evento na Coruña foi presentado onte pola concelleira de Cultura, María Xosé Bravo; o comisario de Outono Fotográfico, Xacobe Meléndrez; e a representante da Asociacion Fotográfica Posición B, Begoña Pastoriza. A edil destacou a calidade das exposicións que visitarán a cidade —Entroido en Manzaneda, de Carlos G.Hervella; Novas conversas con Atlante, de Xosé Abad, Sandra G. Rey, Paco Rocha, Xosé Teiga e Xacobe Meléndrez; O mundo é un escenario, de Alejandra Vacuii; e a colectiva La Gran Recolección—, e anunciou que o Concello colabora co evento enviando a Ourense a súa exposición sobre mulleres africanas: "Esta instalación, que homenaxea o papel fundamental da muller en África, poderá verse nun edificio público de Ourense". O comisario de Outono Fotográfico, Xacobe Meléndrez, explicou que a mostra consiste en 110 exposicións por toda Galicia, cun total de 640 fotografías.

"O festival ten como gran novedade a súa mutación— explicou Meléndrez—. Ata o ano pasado centraba os seus contidos en Galicia, e non buscaba proxección, pero dende o pasado ano, temos interacción cunha institución cultural de Barcelona". A vontade deste evento de mesturar autores novos con fotógrafos consagrados favoreceu a colaboración coa asociación Posición B.