Cre que a situación na cidade está moito mellor que hai tres anos, aínda que A Coruña siga a liderar as listas de chabolistas de Galicia. O director territorial da Fundacion Secretariado Xitano, Santiago González, considera que, se o Concello seguise a traballar ao mesmo ritmo destes últimos catro anos, na seguinte lexislatura conseguiría deixar este deshonroso primeiro posto.

-No 2007 fixeron un estudo no que só A Coruña tiña máis chabolistas que as seis grandes cidades de Galicia xuntas, como está agora a situación?

-Que sexa a que máis chabolismo segue a ter é inevitable en termos absolutos, porque é, con moita diferencia, a que máis xitanos ten na súa poboación. O chabolismo era a forma habitual de residencia dos xitanos na Coruña. O que perdeu nestes anos é o asentamento máis grande de Galicia, que era o de Penamoa.

-Con este desmantelamento, como quedarían os números?

-Aproximadamente, unhas 300 persoas terían sido realoxadas nestes anos, pero é un reconto feito a destempo porque aínda non rematou o proceso. Estamos a falar, máis o menos, da redución dun tercio da poboación chabolista en catro anos. Se seguise a este ritmo, nos próximos catro anos, os chabolistas serían unha parte da poboación residual e sería unha das cidades con menos infravivendas. No 2007, porén, tiña practicamente a metade das barracas de Galicia.

-Esa proporción, en que punto está agora?

-Co desmantelamento de Penamoa, esas cifras non son nin parecidas.

-Estes realoxos responden a un plan que, nalgún momento, esgotarase e acabarán por se suspender as axudas. Que pasará despois? Voltará o chabolismo á cidade ou os realoxados faranse cargo dos alugueres e das hipotecas que agora teñen?

-Nunca podemos afirmar que unha poboación que foi chabolista non volva selo. Hai dous datos firmes: as poboacións non xitanas do sur de Europa que foron chabolistas a finais dos anos corenta do século pasado, non volveron residir en infravivendas. Países coma Italia e España chegaron a ter núcleos importantísimos de chabolistas nos arrabaldes das súas grandes cidades. Os países do terceiro mundo que están a coñecer agora procesos de urbanización similares aos que viviu Europa na derradeira metade do século pasado, erradican as villas miseria e, onde desaparecen, non volven xurdir unha vez que os seus ocupantes foron realoxados. É un proceso socioloxicamente moi firme. Esta realidade, nas poboacións xitanas, funciona dunha maneira parecida. No 1983 publicamos o noso primeiro informe sobre a situación da poboación xitana. Máis do 70% dos xitanos galegos vivían en infravivendas; no 2006, porén, era o 35% o que estaba nesa situación, aínda cando o número de habitantes xitanos aumentara por mor da emigración portuguesa. Case 2.000 persoas novas incorporáronse de fóra de Galicia neste tempo. Podemos dicir que os xitanos que abandonaron o chabolismo non volven a el, aínda que hai excepcións de familias que volveron á chabola logo de seren realoxadas. Socioloxicamente son procesos que se convirten en irreversibles. Dende o noso punto de vista o plan de erradicación da Coruña deberá ser máis explícito en canto a obxectivos, fases e instrumentos de apoio, pero si que existe unha visión municipal coa que nós participamos, de contribuír no medio prazo de erradicación completa do chabolismo. Cando aparecen novos núcleos fréanse para que non se estendan e iso é no que se está a traballar. Toda acción é mellorable e esta, sen dúbida, tamén o é, pero consideramos que ten un horizonte claro. Como conxunto temos claro que non haberá volta atrás sempre e cando permaneza a vontade de erradicación do chabolismo.

-Pode xerar un efecto chamada que se intente erradicar o chabolismo para os que aspiren a seren realoxados?

-A Coruña, se cumpre os prazos, quedaría só cun grande asentamento, que sería o do Portiño e que é especial porque é un barrio no que non se ten producido unha mistura nos últimos vinte anos entre os asentamentos que existían na cidade porque, cada un, tiña unha dinámica social de seu; a do Portiño é a da autoorganización e a da axuda mutua. Non é un lugar ao que se poida entrar facilmente, non está na cidade, coma O Freixeiro en Narón, é un núcleo completamente diferente.

-Houbo ese efecto en Penamoa porque se sabía que habería axudas para deixar as chabolas?

-O efecto chamada é pequeno, pero córtase ao facer un censo da poboación. Producíuse ao principio da configuración do asentamento, nos anos oitenta. Era un lugar axeitado para un perfil determinado de xente. Despois, houbo persoas que tiñan interese en manter unha chabola en Penamoa aínda cando non residisen nela. Había case 150 vivendas pero só 99 familias que vivisen alí.