Pagan autónomos e o IRPF e tentan que o sector ao que pertencen teña a misma consideración que o comercio tradicional. Tamén sufren a crise porque os seus clientes de sempre forman parte da poboación que peor o está a pasar. O presidente da Asociación Profesional de Comercio Ambulante e Comercio en Prazas de Abastos de Galicia (Apacag), José Manuel Liste, entende que a xente busque a vida como pode nos tempos difíciles, pero cre que os postos irregulares danan ao seu sector, tanto a nivel de vendas como a nivel de imaxe. Por iso demandan a políticos e policía que non miren para outro lado, despois das últimas actuacións dos axentes municipais coruñeses nos entornos dos mercados de San Agustín e A Sardiñeira.

-Aféctalles este tipo de vendas irregulares?

-A verdade é que si, que nos sentimos afectados. Nas vendas e nas formas. Levamos moito tempo loitando para estabilizar a venda ambulante e darlle un pouco de seriedade. Entendemos que a xente se busque a vida pero non é a forma. Hai un descontrol total.

-Aumentou?

-Notamos que aumenta. Veneden productos que non deberían estar á venda. Teñen mercancías, digamos, de dubidosa procedencia. Se non, non é normal que teñan máquinas de afeitar que costan oito euros e eles véndenas por dous ou tres.

-É cousa da Coruña ou de todas as localidades?

-Onde se nota máis é nos sitios máis grandes. En Santiago, na Coruña. Nos outros lados a xente vai tendo traballiño.

-Ofrecen productos en mal estado?

-Vese ben. Se ti ves como está o producto... a saber de onde vén iso. De contenedores, do que botan os supermercados...

-Está chegando a crise ao sector da venda ambulante?

-Din que a nós nos beneficiou a crise porque vendemos barato. Pero non é así, a crise aféctanos moito máis. Porque os nosos clientes son os que se quedaron no paro, son os que só cobran unha axuda familar... os máis fastidiados son os nosos clientes de sempre. Os que teñen alto poder adquisitivo non veñen aos mercadillos.

-Os postos irregulares quítanlles clientes?

-Moitas veces non é só o dano económico, senón a imaxe que se dá. Non podes coller una bandexa de alas de polo dun contenedor dun supermercado e poñelas a vender.

-Fan algunha recomendación aos consumidores ante a proliferación destes postos de venda irregulares?

-Hai que ter coidado. Pero si é certo que hai xente á que xa lle podes dicir o que sexa, que lle da igual. Eu non me acordo, como agora, de ver á xente baleirar os contenedores ao final dos mercadillos. Agora pasa sempre. Non só a policía ten que facer, tamén os políticos. Non vale mirar para outro lado.