O grupo Leilía presentará o seu novo traballo, titulado Consentimento, o 3 de febreiro no teatro Rosalía, cun espectáculo con deseño escénico do dramaturgo Quico Cadaval e un contido co que a banda quere homenaxear a toda unha xeración de galegas.

"O disco é un tributo a todas as mulleres que souberon crear, conservar e transmitir a nosa tradición oral -explica unha das compoñentes de Leilía, Ana Rodríguez-. Como é complicado falar de todas, centramos o foco en Eva Castiñeira, que gravou a principios dos oitenta o disco Recolleita e foi a primeira en rexistrar música tradicional con pandeireta. Tivo moi pouca repercusión".

Para homenaxear a figura desta pandereteira e a todas as que axudaron a conservar a identidade cultural galega, Leilía gravou un disco no que presenta unha novidade sobre o seu modo de traballo habitual, incorporando modernidade lírica sobre bases musicais tradicionais.

"A maioría dos temas dos nosos discos son pezas recollidas, que é unha tarea ardua, pouco agradecida e cada vez máis dificil -asegura a vocalista e pandereteira-, porque cada ano que pasa hai menos memorias e menos voces que nos poidan cantar esas cancións, por eso dicimos que cada unha que atopamos é un tesouro. Pero nesta ocasión, atopamos melodías tradicionais e lle pedimos a unha serie de poetisas actuais que lles puxeran letras".

As encargadas de engadirlle as verbas aos ritmos recollidos polas compoñentes do grupo foron artistas como Yolanda Castaño, Mariña Pérez Rei, Ana Romaní, Marilar Aleixandre e Eva Moreda. "Son melodías antigas, pero que falan en presente. Foi un traballo arduo", conclúe Rodríguez.