-Como entrou en contacto coa lingua galega?

-Cheguei desde Castela a Galicia hai 30 anos para traballar como veterinario e, máis tarde, como inspector de saúde. Establecinme no Grove e tiven que aprender galego para entenderme cos meus clientes. Fixen un curso de galego con Xesús Ferro Ruibal, que resultou ser algo impagable porque me descubriu un mundo novo e me fixo renacer.

-Elaborou entón, xunto a Xesús Ferro, o 'Refraneiro galego da vaca'.

-Si, participei neses proxectos e comecei a recoller vocabulario e etnografía arredor do gando vacún. Ao pouco tempo quedamos Ferro e mais eu sós, e foi o comezo do Libro da vaca, que publicamos en 2010. Por un lado estaba o feito de ser veterinario e poder interpretar o que os lexicógrafos contaran da vaca e das súas enfermidades e, en segundo lugar, aínda que eu me dediquei á clínica do gando vacún, era fácil comprobar que o gando era o principal capital galego, unha riqueza non só económica senón tamén lingüística e cultural.

-Gustoulle o idioma por iso que din de que os galegos falamos cantando?

-A lingua, o léxico, a gramática... sorprendíanme, eran novidosas para min, pero o que máis me chamou a atención foi a forma de contar as cousas dos galegos, de relacionarse co gando, darlles nomes aos animais e mesmo incluílos na planta baixa das casas. A súa forma de vivir e tratar cos animais era bastante diferente ao que se facía en Castela e quedei sorprendido.

-O agro está cada vez máis abandonado en Galicia.

-As condicións de vida do labrego e do gandeiro de hai cincuenta anos eran durísimas, e non se pode pretender que os urbanitas de hoxe en día manteñan esa vida. Agora os gandeiros e labregos, cos novos tipos de explotación, conquistaron unhas comodidades que antes non tiñan, o malo é que se perderon algúns aspectos culturais, como o trato persoal e directo co gando.

-Que lle parece que o Estado pretendera dar á Real Academia Galega a metade do que dona ás academias vasca e catalá?

-Fala moito da consideración que teñen en Madrid do que é a cultura en cada zona e tamén da forza que teñen o País Vasco e Cataluña para poder negociar co Goberno, algo que non ten Galicia. É unha cuestión de que, mais que pedir que nos subvencionen, hai que facer ver que merecemos que nos subvencionen.

-Leva trinta anos en Galicia e non ten intención de marchar.

-O Grove e o Salnés é unha zona preciosa, onde merece a pena vivir e morrer. Cheguei aquí por azar e logrei conservar os lazos cos meus amigos e familiares en Castela, polo que non quero marchar de aquí.