Baixo o título de Bares e letras, arredor de cincuenta artistas e persoeiros da cultura galega percorrerán os bares e restaurantes do centro da Coruña con pequenas actuacións coas que celebrar o Día das Letras Galegas. Os impulsores da iniciativa son Lino Braxe, Xabier Docampo, Olga Patiño e Miguel Mato, que queren reivindicar que a cultura galega non sobrevive sen o seu idioma e denuncian a falta de actos e celebracións neste 17 de maio por parte do Goberno coruñés.

Entre os participantes hai, segundo explicou o escritor Xabier Docampo, "actores, músicos, escritores, poetas, paiasos e artistas en xeral", que comezarán ás 20.00 horas o seu traxecto por 44 bares e restaurantes desde a rúa Troncoso ata a Estrella, pasando pola plaza de María Pita e a rúa dos viños. Cada establecemento acollerá poesías, dramatizacións, pezas musicais e lecturas de textos en galego, "unha iniciativa xenerosa e desinteresada por parte dun grupo de amigos e veciños da cidade", dixo Docampo.

"Queren destruir a cultura, e o sitio que deixa a cultura nun país sempre é ocupado pola barbarie", rematou.