O portavoz do grupo municipal do BNG no Concello da Coruña, Xosé Manuel Carril, xunto co edil Xan Caxigal e outros militantes do BNG, reclamou hoxe que o día de San Xoán, 24 de xuño sexa "festivo a efectos laborais de xeito permanente". Carril suliña que este ano e o que vén será festivo "de xeito puntual, por caer en domingo este ano e por coincidiren en domingos os festivos do 6 de xaneiro e do 8 de decembro" polo que o BNG pida unha solución permanente e non circunstancial.

Carril lembrou que o BNG rexistrou varias iniciativas no Parlamento de Galiza para estabelecer o 24 de xuño como "feirado" e recibiu a negativa por parte do PP. "En resposta a unha pregunta formulada polos nacionalistas na Cámara galega, a Xunta de Galiza considerou que 'non era procedente' declarar o San Xoán festivo e que 'hai que estar ao que digan os Concellos'", expuxo o voceiro coruñés, quen lembrou que os nacionalistas recolleron no programa co que se presentaron ás eleccións municipais o compromiso de declarar festivo local o 24 de xuño "dado o nivel de implantación e de enraizamento popular na Coruña".

Tradicións populares

Carril reivindicou ademais o carácter galego do San Xoán e pediu "que se respecten as tradicións populares como festa de barrio que é". O edil do BNG amosouse crítico coas actuacións do Goberno rexido polo alcalde do PP Carlos Negreira, que “non van na liña de fomentar o carácter popular”, según opinan no BNG. Carril advertiu ao respecto de que estes festexos e celebracións do Goberno local poden perverter a tradición destas festas.

Os nacionalistas repartiron entre os cidadáns feixes das tradicionais 'herbas de San Xoán' como son rosa canina, fento macho, fiuncho, herba luísa, herba de san xoán, malva, codeso, romeu, sabugueiro, nogueira ou torvisco. "Estas son parte das tradicionais Herbas de San Xoán, que cambian a súa tipoloxía dunhas zonas a outras de Galiza. Un ano máis, o BNG da Coruña agasallou a cidadanía con feixes destas herbas para reivindicar un San Xoán festivo e de carácter galego", sinalan desde o BNG.

Tamén salientou Carril que "actuacións como as carrozas ou a orquestra que tocará en Riazor non teñen sentido en época de crise". O Bloque considera "inadmisíbel" que no último modificativo de crédito "o PP lle restara 120.000 euros a unha partida destinada á dinamización do comercio para llos transferir ao IMCE, cuxo destino serán as festas".

Carril sinalou que a intervención do Goberno local no San Xoán “non deixa de ser aquilo de pan e circo”. “O que debería facer o Goberno do Sr. Negreira é apostar por políticas de investimento público que creen riqueza e postos de traballo e non o está a facer”, apuntou.

Papeletas para “os malos augurios”

O portavoz do BNG no Concello calificou de "espectáculo" os actos programados polo Gobierno local arredor da festa de San Xoán. Carril ironizou coa papeleta que o Concello está a repartir pola Coruña para animar a cidadanía a queimar “todo lo malo” nas urnas. "A tarxeta, que convida a escribir 'los deseos que quieras que sean quemados' recolle un lema con grallas como 'isolidaridades' ou 'viloencia'", critican desde o Bloque.

Carril engade que botou en falta no papel “contra todo lo malo” cuestións como "o paro ou os recortes en servizos sociais, froito, precisamente, das políticas regresivas do PP".