Non viviron ningún episodio de represión na súa familia, pero están moi concienciados de que a historia non debe esquecerse e que hai que atopar respostas aos comportamentos vividos durante o franquismo. Un grupo de sete estudantes do Instituto Adormideras investigan no documental A pegada dos avós -dirixido por Xosé Abad e editado por Sandra García- sobre a traxedia dos fusilados durante a ditadura, coa testemuña de familiares de represaliados. Os rapaces, do Bacharelato de Artes, expoñen a súa postura e entrevistan todos xuntos a Gabriel e Mariquiña, fillos de Amada García e do anarcosindicalista José Villaverde, respectivamente, ambos asasinados durante a Guerra Civil. "Fai moito tempo que coñecemos esta historia polos libros, pero non coñecíamos casos de primeira man. Este documental abriunos os ollos en moitos aspectos e cambiou, en moitas ocasións, a nosa visión dos feitos", dicía onte Julia Lago, unha das protagonistas.

A pegada dos avós é un proxecto documental -onte só se presentaron tres minutos da peza, á espera de acadar financiación para proseguir a rodaxe- que encargou a Xosé Abad a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, pero que Abad tentou de realizar cun punto de vista particular: os que buscan respostas, neste caso, son adolescentes que nada teñen que ver coa represión franquista. "Aquí se trata o tema famoso de se hai que pasar páxina ou non con este asunto. Eles decidiron que non", dixo Xosé Abad sobre os estudantes de Adormideras, dos que destacou o seu compromiso e rexeitou os tópicos de que a xuventude "que se compromete son crápulas que non estudian e só saen de noite".

"Teño ganas de prometerlles aos familiares que isto non vai volver pasar", apunta Julia no documental, no que cada protagonista expón a súa visión desta etapa da historia de España a través dun videoblog. A coguionista e editora da cinta, Sandra García, eloxiou aos estudantes de Adormideras: "Son moi sensatos, son boa xente e esta película levounos a emprender unha viaxe histórica coa que están construindo a súa forma de pensar".

O obxectivo desta peza audiovisual é, segundo o seu director, "procurar que os adolescentes accedan polo seu propio pé a unha información que lles foi escamoteada de diferentes formas e que é fundamental para garantir que non caia no esquecemento".

A pegada dos avós busca agora axudas mediante crowfunding ou micromecenazgo, isto é, que diversas entidades e marcas colaboren cunha cantidade simbólica para levar adiante o proxecto. Abad espera que o documental poida estrearse en setembro e proximamente solicitarán a axuda de 600 extras para a secuencia final.