-Con que elementos diferenciadores conta a Fundación Juana de Vega?

-Unha fundación pode entenderse como un patrimonio adscrito a un fin e neste caso non é outro que mellorar o rural galego. Na súa orixe a intención era crear unha escola de agricultores e cos anos esta idea evolucionou ao traballar para o espazo non urbano en Galicia. O que diferencia a Juana de Vega do resto é que vive do rendemento do seu patrimonio e por iso mantén na actualidade a súa actividade a niveis de precrise.

-O emprendemento é a saída a crise do campo?

-A crise supuxo que moita xente que tiña unhas leiras volvese ao campo ao perder o traballo que tiña na cidade. Co noso programa de apoio ao emprendemento agroalimentario trátase de apoiar iniciativas para que as empresas que se crean non se estraguen. Abrimos un periodo de propostas para que os interesados nos presenten os seus proxectos e despois seleccionaranse uns dez que serán os beneficiarios e terán consultores especializados traballando para eles desde o primeiro momento para que os imprevistos non acaben cunha boa idea.

-Que criterios terán en conta á hora de valorar as propostas?

-Valorarase a viabilidade e tamén a calidade, a capacidade de diferenciación, a cooperatividade ou o aproveitamento de terras non productivas.

-De que forma axudarán ás futuras empresas?

-A mortalidade das empresas é moi grande e a maior parte pechan antes dos dez anos. Neste programa asesorámoslles aos emprendedores sobre a que fontes de financiamento poden recurrir ou a definir o seu plan financeiro en función de canto ten e canto precisa para montar o que quere e ademais de se co que vai conseguir vai poder pagalo.

-É posible sacar adiante un proxecto con poucos recursos?

-A terra é un recurso e un punto de partida pero o máis importante é a persona e por iso tense que apostar pola iniciativa da xente porque é o maior activo dun país.

-Que pasos hai que dar a partir de agora?

-Contamos cunha inversión inicial de 100.000 euros e moita ilusión. Xa tivemos moitas consultas pola Rede e agora trátase de que a información chegue a todos os interesados. Tamén contestaremos aos que non sean beneficiados explicándolles os motivos porque iso tamén lles servirá de axuda.

-A que atribúe o crecemento da agricultura ecolóxica nos últimos anos?

-É unha oportunidade máis e un nicho de mercado para os que estén dispostos a pagar a diferencia de coste respecto á gran produción.

-Tamén defenden a necesidade de producir forraxes.

-Galicia acomodouse a importar gran e pensos de fóra e nos últimos anos subiron moito os prezos. A comunidade ten capacidade para producir forraxes e ademais temos terra para poder facelo. O territorio é un obxectivo estratéxico que pode ter usos agrícolas.

-O minifundismo galego dificulta esta tarefa?

-A estrutura da propiedade da terra non se adapta ás grandes producións, un tema sobre o que encargamos un estudo a agrónomos de Lugo. Tamén se alugan agora máis terras porque foise diluíndo o vencello emotivo coa terra. Así hai máis movilidade de terras tanto na venda como no aluguer o que ofrece máis oportunidades.

-Outra das áreas da fundación céntrase na investigación. Onde hai que centrar os estudos?

-No medio rural galego aínda quedan moitas cousas por investigar e iso intentamos facer desde esta fundación pequena poñendo en valor un patrimonio de 140 anos. Fixemos algunhas probas e descubrimos que Galicia é a zona con maior capacidade do norte de España para producir kiwis e tamén estudamos as variedades da uva branca do viño de Betanzos. A comunidade galega se se pon a producir pode producir moitas cousas dinamizando a terra e daría oportunidades de traballo.

-No caso de que se consiga producir, que tipo de medidas habería que levar a cabo para darlle saída aos produtos no mercado?

-O problema de produción agrícola está na fase da distribución e venda. Nese caso o viño conta cunha marca diferenciadora que dá a coñecer a través da hostelería mentres que o leite é un líquido indiferenciado e polo tanto precisa aportar algo distinto para que a xente esté disposta a pagar por esa singularidade.