-A aprobación do plan xeral será no primeiro trimestre?

-Temos que comprobar o documento que remitiu o Concello. Pero despois do traballo feito en coordinación, non teño dúbida de que poderemos cumplir ese prazo. Ademais todo apunta a que será unha aprobación total. Será a primeira vez en moitísimos anos, creo que en toda a historia das aprobacións de plans das cidades galegas, que haxa unha aprobación da integridade do documento.

-Que destaca do plan?

-A aposta que fai pola ordenación das infraestruturas en toda a área metropolitana, por vertebrar o territorio e pola sustentibilidade para cambiar o modelo e facer una cidade simpática, cómoda e de futuro e mudar a forma de crecemento que tivo nos últimos 20 anos.

-Veñen de presentar os orzamentos da súa área para 2013. As infraestruturas en tempos de crise pasan a un segundo plano ou seguimos tendo fe cega nelas?

-As infraestruturas deben axustarse ás posibilidades dun país. É a experiencia que debemos de obter do exceso de infraestruturas do pasado. Pero creo que deberiamos de ser capaces, como facemos na consellería, de priorizar, actuar con responsabilidade. É certo que tivemos melloras pero aínda temos que rematar a terceria rolda, a autovía do Cantábrico, a vía ártabra, mellorar os entornos das cidades? Seguir apostando polas infraestruturas con criterios de eficacia para mover unha parte importante da nosa economía. O sector da construcción está pasando un momento delicado. A calquera obra de 300 ou 400 mil euros concorren 30 ou 40 empresas pola ausencia total de licitacións noutros ámbitos e fóra de Galicia.

-Cal foi a execución dos 12,2 millóns que se orzamentaron no 2012 para a terceira rolda?

-Na terceira rolda neste momento que eu saiba non temos ningún tipo de retraso. Polo tanto, non executariamos o cen por cen pero estariamos polo noventa. A obra sigue o seu ritmo normal e temos previsto rematala ao longo deste ano 13. Polo tanto, ningún retraso.

-Pero o seu remate non está condicionado polo avance do tramo de Fomento?

-Depende, claro. Tivemos algún problema no axuste dos gálibos e do sistema constructivo que tiña previsto o ministerio pero é un tema xa pechado. Para rematar ese treito, debemos coordinar o remate co ministerio. Pero que eu saiba ese prazo de 2013 é compatible co avance das obras do Ministerio.

-Por que lle da prioridade a unha obra tan local como O Parrote con tres millóns para 2013?

-Cremos que é unha aportación en relación co peso en poboación e en actividad económica. Non é extraordinaria. Tamén houbo no ámbito de Santiago, Lugo, Ourense e Vigo... Creo que era de xustiza que tiveramos a posibilidade de participar nunha obra tan importante, que encaixa dentro das competencias e da razón de ser dunha consellería como a de territorio.

-Aparentemente os orzamentos non conteñen ningunha inversión para Alvedro. Como van canalizar a súa promesa de investir por igual nos tres aeroportos?

-En primeiro lugar temos que suliñar que foi o Goberno popular o primeiro que fixo un tratamento equitativo. É certo que no seu momento tivemos una actuación de subvención directa á promoción de liñas. Logo, despois de facer unha análise da eficiencia e da eficacia, decidimos mudar pero sempre mantendo un criteiro de equidade. O ano pasado mantivemos o compromiso pechado en Santiago con Ryanair e o mesmo investimento a través de Turgalicia en Vigo e A Coruña para a promoción no destino. Consideramos que ese é o camiño, dentro das competencias da Xunta. É o único camiño que pode levar aos aeroportos de Galicia a ser un destino único. - competir co verdadeiro aeroporto co que se debe competir que é o de Oporto. Gustaríame salientar que o esforzo tamén vai na accesibilidade. En Santiago realizamos con éxito un esforzo para que exista a verdadeira conexión de transporte público entre aeroporto e casco urbano. Estamos dispostos tamén a realizar o traballo cos concellos de Vigo e A Coruña e traballar co ministerio para o mesmo.

-O convenio con Ryanair remata este ano, haberá prórroga?

-Neste momento temos un convenio que finaliza en 2013 e non temos realizado ningún avance nin reflexión ao respecto. Analizaremos esa cuestión ao longo dos primeiros meses de 2013 e tomaremos unha decisión baixo a premisa de tentar buscar a fórmula que permita optimizar mellor os recursos públicos e priorizando as liñas de promoción e de posta en valor de Galicia como destino único fronte o que é a promoción directa.

-Desaparece dos orzamentos o enlace da AP-9 co aeroporto. Por que non sae adiante unha infraestrutura demandada que leva dúas décadas de xestación?

-Pois é sorprendente. Eu participei no primeiro convenio asinado entre Lendoiro, Vázquez e Cuiña. Foi sempre técnicamente sinxelo, pero conceptualmente Autopistas nunca o mirou de xeito favorable. Sempre mantivo que suporía un incremento inasumible de tráfico na entrada á Coruña. Nalgún momento chegamos a ofertar, xa estando o presidente da Xunta de conselleiro, que o enlace fora só de saída. Pero aínda así a empresa tampouco fixo nada por facilitalo. É certo que dende a dirección xeral de estradas de Madrid non obtivemos ningún tipo de apoio. Creo que agora o importante é que temos un feito novo, que permitirá resolvelo: o famoso vial 18. Vai permitir unir a AP-9 co tramo do Ministerio da terceira rolda e todos os movementos tanto de entrada como de saída ao aeroporto, que vai asumir a concesionaria co acordo que firmou a ministra.

-Pero é un vial que levará mais tempo, máis caro e máis traumático a nivel expropiatorio.

-Pero tamén co tempo permitirá artellar un vial transversal co que dende a entrada da AP-9, a través da terceira rolda, se poida acceder a o acceso ao porto exterior, de xeito que teriamos unha autovía que conecte o porto exterior co aeroporto, a autopista autonómica AG-55 co aeroporto e logo coa AP-9 e co porto interior a través do enlace dos Castros. Sen lugar a dúbida, vai ser moitísimo máis eficaz e máis vertebrador que o acceso do Burgo. É certo que se tiveramos no ano 2000 acadado o punto que estivemos a piques de acadar, de convencer ao ministerio de que tivese unha lectura xenerosa da normativa, probablemente hoxe estaría feito. Nalgúns momentos ese enlace directo non tivo problemas orzamentarios, só unha falta de vontade.

-O metro lixeiro é historia?

-Neste momento é unha infraestrutura na que temos comprometido o seu deseño pero temos que ser honestos cos cidadáns. Nestes momentos existen outras cidades de España onde a continuidade desas infraestruturas está máis que cuestionada. Non existe financiamento para poder implementar unha instalación así e a consellería dun xeito realista ten todo o seu esforzo na mellora da mobilidade a través do transporte metropolitano. Os metros lixeiros deben ser proxectos que queden para outro momento ou probablemente queden sen ir adiante.

-Que foi do plan dos aparcamentos disuasorios?

-Nos orzamentos para este ano temos posicionado cantidade suficiente para, unha vez aprobado, iniciar las primeiras actuacións, despois de analizar as alegacións e completar ese expediente, e ao longo deste ano. Gustaríame iniciar prudentemente a execución dos primeiros. Non tanto buscar as grandes actuacións senón ordenar os feitos e as realidades que agora mesmo calquera pode contemplar. É un feito incuestionable que cando un conductor circula por zonas cercanas á cidade, nas entradas das nacionais, na área de servizo do Burgo? pode ver a cantidade de vehículos que existen aparcados nas beirarrúas, nos restos de estradas expropiadas... O primeiro é, onde agora aparcan sen ningún tipo de control, se poida aparcar de xeito ordenado.

-Alcaldes criticaron a escaseza de máquinas na vía ártabra. Alongáronse os prazos?

-É evidente que na vía ártabra tivemos demoras nalgúns temas, son infraestruturas complicadas. Gustaríame poñer en valor a posta en servizo dese primeiro treito, tamén dese pequeño treito que funciona como variante de Oleiros. - tamén me gustaría salientar que, con independencia deses deslizamentos, a vía ártabra poderá estar en servizo ao longo de este ano. - iso é o que demostra a parte positiva. Sería a integridade entre a N-VI e o tramo xa aberto.

-Por que aumentou por riba do anunciado a peaxe da AG-55?

-O aumento da peaxe é o recollido no contrato concesional coa Xunta, que establece que é o incremento do 95% do IPC de novembro. Aplícase unha fórmula e redondéase a cinco céntimos. Esa é a cifra que nós tiñamos e a que temos.

-Entón de onde vén a sorpresa desdes cinco céntimos de máis cos que se atoparon os usuarios?

-Non sei se houbo algún tipo de mala interpretación pero, insisto, é unha operación aritmética. Salientar que a AG-55 e AG-57 son as máis baratas de Galicia e das máis baratas do Estado español.

-Teñen contemplada a supresión da peaxe a medio prazo?

-Non.

-Hai ofertas para instalarse no polígono de Morás?

-Houbo un peche total do mercado financiero, e aínda que houbese empresas que tivesen interese por mercar, non é posible atopar financiamento. Temos que recoñecer que non existe ningunha oferta en firme. Temos que ser realistas e axustar a execución do parque a esa realidade. Xestur non pode manter un nivel de investimento se non obtén recursos da venda. Temos que facer un esforzo, a partires de que fundamos as catro xestures nunha única empresa, para iniciar unha senda de traballo comercial agresivo. Creo que aínda existen posibildiades e é necesario traballar esa parte comercial que é certo que non foi a parte mais importante na que traballou Xestur históricamente. Temos que cambiar a fórmula de xestión, buscar posibles incentivos? Digamos que na expectativa de que mellore o mercado financiero estou seguro de que Morás será unha oportunidade. Seguro que co paso do tempo seremos capaces de poñer no mercado eses metros cadrados.

-Xa a medio prazo, polo que di...

-Deberá ser o mercado, a situación finaceira a que marque eses prazos. Obviamente no ano trece na miña opinión será difícil que poidamos ter un cambio radical da situación económica.