A Fonte dos Canos, o Campo da Fresa ou Castelo de Valparaíso son espazos da memoria colectiva da cidade da Coruña que se atopan no lugar de Elviña-Galán. Mais dende comezos dos anos 90 un mastodóntico proxecto especulativo e de corte lucrativo que deu en chamarse parque ofimático expropiou a vida da comunidade que o habitaba dende comezos do século XX. Co progreso coma coartada, e a falsa modernización coma escusa, as elites económicas da cidade especularon co que debería ser un beneficio colectivo, para acabar convertíndoo ao final nun negocio privado.

O lugar de Elviña-Galán, noutrora un lugar productivo e cheo de vida, foi soterrado dende os anos 90 baixo a falsa necesidade dun espacio burocrático-financieiro de oficinas e, ao pouco, reconvertido en vivendas de protección oficial, nun turbio xogo capitalista que dende as institucións que pagamos todos e todas favoreceu os intereses privados por riba do interese social.

Os mal chamados responsábeis políticos, aqueles que socializan a irresponsabilidade en nome do interese das "coruñesas e coruñeses", so saben poñerlle un valor económico ás vivencias, ás lembranzas dunha cidade, ós fogares dos residentes, soterrando a memoria e historia que se desmorona na mesma medida que aumenta o lucro especulativo privado coa vergoñenta complicidade dos poderes públicos. Francisco Vazquez, o bipartito continuista e, actualmente, o Goberno local de Carlos Negreira, compartiron o mesmo discurso: o problema son as familias residentes.

Resulta canto menos curioso: a constante de "as persoas molestan" atópase tamén detrás doutros proxectos de dubidosa utilidade, como a fraudulenta expropiación de Someso, a creación dunha periferia artificial, desabesticida e hipotecada en Novo Mesoiro, a desaparición das zonas productivas de Vioño pra dar paso a pisos a día de hoxe baleiros...

Así, as persoas que non aceptan poñer un prezo ás súas vidas son chamadas "especuladoras". Os cooperativistas, enleados no xogo da especulación dun ben básico inalienábel como é a vivenda, que segundo a propia Constitución Europea non debe supor máis dun 30% dos ingresos dun fogar, convírtense en pequenos inversores que presionan como consumidores da oferta e da demanda inmobiliaria, o que a Lei só lles garante baixo o xogo capitalista.

Deberíamos reflexionar sobre canto vale unha vida, cal é o prezo dunha lembranza, dun fogar, da cotidianeidade. Se ten algún tipo de sentido unha cidade que determina o valor dos seus habitantes segundo a súa utilidade para o capital.

O lugar de Elviña-Galán é únicamente un problema pra o avance do Capital, da egoísta cidade con 20.000 vivendas baleiras que non se queren redistribuír. Pra aqueles que nas persoas ven productos a mercar e desbotar, e non vidas que dignificar.

Non foron gobernos de esquerdas ou dereitas. Foron xestores do capitalismo, da privatización da vida, da monetarización das nosas lembranzas. Representantes de si mesmos e seus intereses que acorralaron a quenes so queremos vivir coa garantía da existencia non comercializada.

Insistirán no falso "dereito" a vivir baixo o xugo dun sistema tiránico e escravista, e nós insistiremos no dereito a unha vivenda digna, libre e gratuita. No dereito aos espacios públicos e comunitarios. No dereito á vida sen valor monetario.

Á liberdade que non se merca. Ou, o que é o mesmo: a vida de todas debe estar sempre por riba do interese económico dunhas poucas.