Na ficción, Fernando Morán e Estíbaliz Veiga son Charli e Leti. Pai e filla que malviven cunha empresa de cobro de morosos ao fío da quebra. Na realidade, a actriz define a Morán coma "mestre de mestres". O sábado ás 20.30 horas subiranse ás táboas do teatro Colón para presentar Anxeliños, a obra de Vidal Bolaño que recuperan tras adaptala hai cinco anos baixo o selo da compañía Espello Cóncavo.

-Son moitas as obras de Bolaño que volveron ao teatro, pode dicirse que os artistas cumpriron este ano?

-Fernando Morán: Máis que cumprir, queriamos homenaxealo. Nós estreamos esta obra en 2008 e tiñamos moitas ganas de retomala.

-Estíbaliz Veiga: É un tributo que queriamos renderlle pola profunda admiración que lle temos.

-Como foi mergullarse de novo no universo bolañano?

-EV: Xurdiu estando Fernando e máis eu tomando un café. 'Por que non volvemos? Pois é verdade, imos falar cos outros'. Esta é unha obra de actualidade, porque a temática está na rúa.

-FM: Dixeron todos que si. A obra estreáraa Roberto en 1997 co Teatro de Aquí , nós hai cinco anos fomos os primeiros en representar unha obra de Bolaño. Había un certo respecto, porque a súa morte estaba aínda recente. Belén Quintáns, a viúva, agradeceunos moitísimo que deramos ese paso.

-Houbo que facer algunha modificación na obra?

-EV: Intentar mellorar, pero sen cambiar moito do que está escrito. A obra xa é de consumo actual, ao mellor si que cambiamos un pouco para adaptalo á normativa do galego.

-FM: Roberto era moi respectuosos coa nosa cultura e nosa lingua, pero tampouco renunciaba as súas licencias. Non ía deixar que a normativa prexudicase o seu estilo, a súa autenticidade.

-Onde se atopan eses elementos diabólicos que definen Anxeliños?

-FM: Realmente, creo que toda a obra de Bolaño ten ese punto. Os diaños están no contexto máis que nas propias personaxes. Aínda que el xoga?

-EV: Si, coma se tivésemos un pequeno diaño dentro. Incluída a monxa (Isabel Risco), onde hai unha crítica á Igrexa. Todo o mundo ten ese elemento satánico dentro. Tamén está presente na escena esa cor gris que envolve a néboa galega.

-Como é ese protagonista nostálxico do franquismo?

-FM: O dono da empresa é un expolicía da época franquista. Vive unha situación de crise absoluta, pero no fondo non quere renunciar aos seus principios. Está disposto a sacrificar todo por manter eses valores. Esa situación lévao a buscar solucións, pero faino sempre en equipo, coa súa familia. Creo que na obra de Roberto está sempre iso.

-Unhas situacións nas que se mesturan o humor intelixente e o absurdo ou esperpéntico.

-FM: Si, eu creo que a obra de Roberto ten moitísimo en común coa de Valle Inclán. É un cultivador de Valle.

-EV: Bolaño é creador dunha nova linguaxe, unhas novas formas de expresarse. Estas personaxes son coma un picasso, un gernika no que ves un ollo, un nariz... - de repente dáste de conta de que todo iso era unha persoa.

-FM: Tanto Valle como Roberto eran moi representativos pola dificultade que tiña a montaxe das súas obras. Creo que tiñan unha visión máis cinematográfica que teatral, ían máis alá en cuestións de tempo e espazo. Hai continuos cambios de escena ou flashbacks. Danlle un dinamismo que para o espectador é moi interesante. Iso é algo que xa estaba presente na obra de Valle Inclán.