O santiagués Fran Bueno foi escollido onte como o oitavo gañador do Premio de Banda Deseñada Castelao, convocado pola Deputación da Coruña, coa obra Catálogo Oneroso de Beleza Gratuíta.

-Que contan as páxinas deste traballo?

-O cómic é unha lista das cousas que me gustan na vida, ten forma de catálogo. Falo de cousas como o sol, a lúa e as estrelas, elementos que non hai que pagar por eles e que, moitas veces, paga a pena pararse e admiralas.

-O premio permítelle seguir traballando no país?

-Agora mesmo estou traballando para outros países, pero cando acabe o traballo pendiente, a miña intención é facer cousas propias. Tanto escribir como debuxar aquí.

-Como ve o mercado da banda deseñada en Galicia?

-Hai moitos autores de gran calidade, estou orgulloso de coñecer a maioría e compartir con eles revistas ou publicacións. O que non hai é industria, pero é moi difícil porque o mercado en Galicia é limitado, non somos tantos galegos para mercar todo o que se podería. Hai moito movemento de autores dende hai bastantes anos.

-Pode falarse da existencia dunha xeración de autores?

-Si, somos moitos autores que levamos anos traballando. Non se podería falar dun movemento unitario, pero si dunha xeración xurdida na mesma época na que cada un está facendo cousas moi distintas. Iso é algo que tamén caracteriza o cómic galego, a variedade.

-Esa variedade dificulta o xurdimento da industria?

-Creo que é indiferente en canto a consolidar ou non a industria. Os autores facemos o que podemos e moitas veces nos autopublicamos, penso que non somos nós os que debemos crear esa industria.

-As editoriais son as responsables de dar ese paso?

-Sinalaría as editoriais, porque tampouco lle pediría ás administracións que fixeran esa función. As editoriais están pasando un momento difícil, así que non lles esixo nada. Creo que fan o que poden e moitas veces non poden facer máis.