O teatro Colón pon as súas táboas esta noite ao servizo da música. O Golden Piano Trío pechará, a partir das 20.30 horas, o ciclo de música clásica de marzo cun repertorio formado por obras de Antonin Dvorak, Johannes Brahms e Manuel López Jorge. O compostelán, pianista do trío, estrea a súa primeira composición para este tipo de formato musical, inspirada nun relato de Cousas, de Castelao.

A peza O Afogado describe "de forma programática" os estados de ánimo e o carácter do conto, cunha sección inicial que López define como "dramática e tensa", para dar paso a un intermedio "funerario". O tema remata cun final "moi vivo e enérxico", recollendo ese verso final de Castelao no que se pregunta con optimismo "que mellor leito para un mariñeiro que o fondo do mar".

O compositor e pianista ideou un percorrido musical para o relato segundo lía a obra de Castelao, un dos seus autores favoritos. Malia buscar unha melodía para o conto, López Jorge advirte de que non se trata dunha banda sonora. "O texto é unha fonte de inspiración, a música segue as súas propias regras", salienta, polo que as melodías poden enganar ao espectador, "levándoo a un sitio cando pensa que o vai levar a outro".

O concerto abrirá con Brahms e pechará con Dvorak, con dúas das obras "máis importantes que hai para trío no Romanticismo". O compostelán sinala que o Si Maior op.8, de Brahms, representa un estilo "alemán e estruturalista", mentres que o Dumky de Dvorak é "increiblemente folclorista e nacionalista checo". Dúas obras diferentes, aínda que compostas a finais do século XIX e adscritas a un mesmo movemento, unha selección que conforma un programa "bonito e con sentido estético".

A actuación desta noite será unha ocasión "fantástica" para poder escoitar a obra do compositor checo, recoñecible para o gran público pola famosa Sinfonía do Novo Mundo. "É unha mágoa que non se adoite escoitar o trío Dumky, porque trátase dunha obra moi característica de Dvorak e innovadora", recoñece o pianista, que interpretará un tema con melodías "moi pegadizas, mesturas puramente románticas e partes tipicamente folclóricas, aínda que compostas por el mesmo".

O Colón será a segunda parada do trío en Galicia, despois de pasar onte por Santiago de Compostela, onde levou un repertorio que repetira anteriormente en auditorios ingleses e escoceses. A baza de contar cos ingleses Dan James no cello e Valtie Nunn co violín permítelles abranguer un ámbito máis amplo. O trío estará ás doce da mañá no Conservatorio Superior de Música para charlar sobre a intensa actividade do grupo dende a súa creación en 2009.