Os premios María Casares celebraron con ímpeto a escena galega nunha gala na que o protagonismo quedou resumido na defensa do propio teatro e na lembranza dunha das súas grandes figuras, Xosé Manuel Olveira Pico. O Rosalía de Castro acolleu onte a décimo oitava edición duns premios moi repartidos, nos que a obra As do peixe logrou facerse con tres xerras e Eurozone con catro, incluíndo a de mellor espectáculo.

A música popular da banda Radio Cos recibiu aos membros da dramaturxia galega no teatro, convertido nun furancho xestionado polas actrices Marián Bañobre e Isabel Risco, da compañía Ibuprofeno. As furancheiras, autodenominadas "pirómanas da escena" e fartas de pasar desapercibidas, decidíronse a tomar a iniciativa e sacar negocio do Rosalía. As condutoras da gala encheron de humor o auditorio coas súas ansias por facer do teatro un negocio adicado ao viño. Mesmo chegou ser balneario cando sacaron do público ao actor e presentador Xosé Barato para bañalo en viño.

A entrega de premios desenvolveuse nun ton menos reivindicativo politicamente que o da edición anterior, aínda que repasando controvertidos temas de actualidade coma a Cidade da Cultura, a desaparición das Caixas, o Sergas ou o iate do presidente Feijóo e Marcial Dorado. Por enriba de todo brillou a vontade de defender o teatro malia as circunstancias, coa proclama "viva o teatro" como leitmotiv.

Todas esas inquedanzas e sentimentos quedaron recollidos no discurso do xornalista Camilo Franco, Todo é teatro. Erixido como voceiro da escena, Franco lamentou que todo se teña convertido en teatro, "dende a policía aos xuíces, dende os banqueiros aos presidentes de goberno". As súas verbas avogaron por "reivindicar o teatro como escola, praza, medida e referencia", advertindo que os membros da escena teñen entre as mans "unha arma de organización masiva" coa que buscar con ela "un final feliz no que os bos e xenerosos cobren e os malos paguen". O xornalista rematou o seu discurso lembrando que "o teatro segue aquí, campando na resistencia. Porque todo é teatro, pero o teatro é moito máis".

A primeira en subirse ás táboas do Rosalía para recoller un María Casares foi a maquilladora Trini Silva, por C´est la vie, que daba a obra de Matrioshka Teatro a súa única xerra. A súa defensa polo aborto libre "e moitas cousas máis que non se poden aturar", contaxiou as dedicatorias dos seguintes premiados. Cándido Pazó recolleu o premio ao mellor texto orixinal por As do peixe, dedicado ás mulleres traballadoras e explotadas. Todas elas loitadoras, como a súa irmá.

O momento máis emotivo produciuse coa homenaxe póstuma a Xosé Manuel Olveira Pico co premio de honra Marisa Soto, recollido polo seu fillo. "Un excelso creador de personaxes" que levantou ao público cunha ovación pechada mentres o proxector amosaba algúns dos seus grandes momentos como actor. A obra Eurozone, sátira en clave tarantiniana cos figurantes da gran estafa europea, acadou o premio ao mellor espectáculo, facéndose con catro de once nomeamentos. A outra triunfadora foi As do peixe, con mellor texto, actriz protagonista e directora.

Ver Galería