-Como recorda aquel 18 de febreiro, no que se negou a cortar a cadea que permitiría á comisión xudicial acceder á vivenda de Aurelia Rey para desafiuzala?

-Ese día eu estaba de quenda e á hora de comer recibimos unha chamada no parque dicindo que tiñamos que saír cara á rúa Padre Feijóo, e non había mando nese momento. Eu sabía que alí había unha concentración e estaba pendente da radio, pero non sabiamos o que iamos facer alí. A verdade, pensaba que habería algún colector ardendo ou algo así. Eu díxenlle ao meu compañeiro que se nos mandaban cortar unha cadea ou entrar na casa, que me ía negar, pero que el, pola súa situación persoal, era mellor que non se metese por se nos sancionaban, pero non fun quen de convencelo e díxome que o fixese eu, que o facía el tamén.

-Pero non ardían os colectores.

-Cando chegamos, a xente estaba moi emocionada e pedíanos que non colaboraramos. Baixamos do camión e, como son o máis veterano dos dous, achegueime a un policía que me dixo: "que putada que vos tocou tamén a vós esta movida". En ningún momento fun consciente de todos os medios que había nin da repercusión que podería ter o que ía facer. Un home berrábame: "Compañeiro, non o fagas" e eu xa tiña claro que non ía colaborar, así que collín o cartaz e levanteino e díxenlle ao policía que non cortaba a cadea e marchei cara ao camión, e esperei alí un pouco. Entón intenteime tapar, pero era ridículo, porque xa todo o mundo me vira. E despois marchamos cara ao parque e deixamos que fose algún mando o que solucionase o tema.

-Que pretendía?

-Visibilizar que ese traballo non está dentro das nosas funcións e que nos imos negar como colectivo a facermos este traballo e así se demostrou, porque outros parques decidiron non participar nos desafiuzamentos. Tapeime porque non lle quería roubar protagonismo ás persoas do colectivo [Stop Desafiuzamentos] que traballan moito para axudar á xente.

-Pero despois chegou outra dotación e si que abriu a porta, como viviron ese momento?

-Pois un compañeiro dixo que se lesionara e non participou, pero o xefe de turno, o que antes non estaba no parque, tomou a decisión de cortar a cadea.

-Pasaron en só nunha hora de seren os bos a faceren o que ninguén esperaba que fixesen.

-Ese é o problema de non ter lexisladas as funcións dos bombeiros. Levamos moito tempo pedindo unha lei de emerxencias que especifique estes temas porque na relación de postos de traballo non vén. Eu estaría encantado de que se me xulgase por negarme a colaborar coa comisión xudicial e que, en función diso, quedase claro se o temos que facer ou non. Segundo esa resolución asumiriamos as consecuencias, pero niso non entran. E nun colectivo tan numeroso como o noso, sempre vai haber alguén que acceda ao que lle digan os de arriba.

-Pero a súa sanción non vai por aí senón pola alteración da orde pública.

-Eu acataría o que fose por negarme a cortar a cadea. Se houbese unha lei que dixese que o teño que facer, tería que loitar por cambiala e sempre me quedaría a opción da desobediencia, que é unha arma fundamental da cidadanía. Creo nela e penso que, de maneira pacífica, poden conseguir moitas cousas.

-Se lle tocase ir agora a outro desafiuzamento, faría o mesmo que aquel día ou cambiaría algo?

-Estou orgulloso do que fixen e non me arrepinto de nada. En breve vai haber varios desafiuzamentos na cidade, esperemos que a cidadanía apoie as concentracións e que, en masa, se manifeste contra esa lei tan violenta. Todos os apoios son ben recibidos e eu estou encantado de que a xente me respalde porque me dá forza, pero creo que hai que implicarse, cadaquén co que poida, con diñeiro, con tempo... Non podemos pensar que con asinar un manifesto por internet ou botar un caldeiro de auga pola cabeza xa está. Hai un terrorismo de Estado que está instaurado na sociedade. Hai xente que se posiciona en contra do que eu fixen, e é lexítimo, pero o título primeiro da Constitución, no seu artigo 47 di que todos os españois teñen dereito a unha vivenda digna, e recalca que os gobernos terán que facer o posible para que así sexa. E esa lei non se cumpre, cúmprense outras.

-Antes de entrar no xulgado o pasado xoves, dixo que o atestado é erróneo, en que é incorrecto?

-O primeiro atestado non di nada, non fai referencia a ningún altercado. Un mes despois dos feitos, ese atestado xa di que o feito de levantar o cartaz alterou as masas e que impediu o desafiuzamento. O que non di é que marchamos e que a xente seguiu alí, sen incidentes. Foi cando se cortou a cadea cando a comisión xudicial non entrou na vivenda e houbo incidentes. Ninguén sabe por que non o fixo. A sanción tiña que ser para eles. Se a xustiza funcionase como debera, a Fiscalía investigaría de oficio quen mente e por que pasa iso nos xuízos. É irritante que un mando policial modifique un atestado ao seu antollo ou ao dos que están arriba.

-E pide a dimisión do delegado do Goberno, Samuel Juárez.

-O Goberno exerce unha represión brutal sobre as persoas que están na rúa loitando. Ás veces chegan sancións por ter participado en manifestacións pacíficas, así que, supoño que farán coma no meu xuízo, inventaren cousas. Os gobernantes ven terrorismo onde non o hai e a xente sofre o terrorismo que eles practican.

-Sente que se buscou a maneira de represalialo polo que fixo?

-Todo aquel que se sae da liña marcada, da obediencia ás leis establecidas sofre represión, se non pode ser pola lei, danlle unha volta e buscan outras cousas.

-Podería a policía non acceder a ese xogo e eliminalo?

-Eu creo que os policías poderían facer algo máis. Vémolo a diario, é un colectivo que está a sufrir o rexeitamento da cidadanía e eles mesmos teñen as ferramentas para que iso non suceda. Non son policía pero todo o mundo ten unha conciencia e pode obxectar. Para non desprestixiaren máis o seu colectivo debería haber voces críticas contra determinadas actuacións. Hai un exceso de brutalidade, hai infiltrados que, premeditadamente, rebentan manifestacións pacíficas e hai unha contundencia desmesurada. Hai policías que cren que non se debe actuar así e, para manifestalo, teñen organizacións e sindicatos que poden poñer as cousas no seu sitio e iso axudaríalles moito, porque nin todos os policías son malos nin todos os bombeiros son bos. A min o de "madero aprende del bombero" fastídiame moito, porque supoño que hai policías honrados que queren facer o seu traballo o mellor posible.