Un dos meirandes investimentos que están a levarse a cabo na nosa cidade e a urbanización do parque ofimático, o sector 10 do Plan Xeral de Ordenación Municipal de 1998, un polígono no que poderanse construir mais de 2.400 vivendas, e dunha considerable extensión, mais do doble que o seu veciño Matogrande, cun coste moi elevado, non somentes por esta característica, senon porque a súa orografía e os dous viaductos incluídos nestas obras, un sobre a avenida de Alfonso Molina e outro sobre o trazado ferroviario, fan que resulte superior ao de calquera urbanización anterior.

Outra diferenza cos polígonos anteriores, de iniciativa privada, e nos que polo tanto as obras de urbanización son costeadas polos seus promotores, é que neste caso trátase dun polígono de iniciativa pública, no que a Xunta de Galicia é propietaria de mais da mitade dos terreos, e que desenvólvese polo sistema de cooperación, polo que a adxudicación das obras de urbanización corresponde ao Concello, que repercute logo o seu custe entre os propietarios, de xeito que máis da metade delas págase con diñeiro público, na mesma proporción na que é propietaria a administración autonómica.

As obras foron adxudicadas pola anterior Corporación municipal no ano 2011 en 42 millons de euros, no contrato de meirande importe xamais firmado polo Concello, máis do dobre do paseo marítimo, e presentadas coma exemplo de desenvolvemento urbanístico: "O futuro ensanche da cidade".

Porén, a situación da cidade non semella respaldar nin a necesidade destas obras nin o beneficio que poden supoñer. Según os últimos datos do Instituto Nacional de Estadística, correspondentes precisamente ao ano 2011, e que non terán variado moito dada a escasa actividade do mercado inmobiliario, existen na cidade máis de 19.000 vivendas baleiras. Existe ademais unha importante cantidade de edificacións inacabadas, non consideradas neste cómputo, e de soares sen edificar en polígonos xa urbanizados e noutros barrios. Compre comentar que os datos do 2011 do INE son considerados optimistas de máis por algúns especialistas polo escaso incremento respecto aos do censo anterior, do 2001, despois dalgúns anos de construcción masiva nese intervalo, e que nesa data, denantes da aprobación do plan parcial do parque ofimático, recollíanse xa máis de 17.000 vivendas baleiras na cidade.

Nesta situación, e nunha cidade na que a poboación é menor agora que no ano 1991, e sen previsións de crecemento, non resulta doado comprender a que criterios obedece a política urbanística das administracións públicas, pois semella que esta debera enfocarse, seguramente por moito tempo, a conservar, completar e mellorar a cidade existente, e que os investimentos mellor estarían adicados a estes fins que á creación de novos barrios, máis cando esta política, xa levada a cabo nas décadas anteriores, sen aumento de poboación, supuxo un traslado desta cara aos barrios novos dende os tradicionais, proceso que voltaría a producirse neste caso, coa conseguinte perda de actividade nestes, e sen que se tomaran medidas para mellorar as súas condicións coma ferramenta para manter o necesario equilibrio na cidade.

A historia do parque ofimático é un relato de modificacións, reclamacións, sentenzas e reversións, incluíndo a canto menos precipitada venda de parcelas por parte do anterior Goberno galego, e non cabe dúbida da necesaria atención aos prexudicados, mais nin as condicións da cidade nin a execución das edificacións autorizadas, que podería resolverse cunha urbanización parcial, xustifican a urbanización de máis de 350.000 metros cadrados.