-Acaba de aterrar na primeira liña política e xa fala de ser alcalde. Como ve as próximas eleccións municipais?

-Hai un escenario bastante dividido e é probable que non se dean maiorías absolutas. Hai opcións serias de que a Marea Atlántica poida gobernar a cidade da Coruña a partir de maio. Vai ser duro pero podemos lograr a maioría suficiente. Nestes días a sensación que percibín na rúa é que a xente ten moitas ganas de Marea e que está a ser un proceso moi potente.

-Din que naceron contra o bipartidismo pero, nese escenario sen maiorías absolutas, un acordo co PSOE prevese necesario. Cales van ser as súas condicións?

-A negociación non se vai basear en siglas ou persoas senón en políticas concretas. O PSOE ten que decidir de que parte está: se segue a apoiar as políticas dun réxime do 78 en descomposición ou se se pon de parte da maioría social. Eu véxoo improbable, pero se de súpeto o PSOE dá ese cambio, nós aceptaríamos o seu apoio. Alí onde exista a posibilidade de conformar unha maioría para traer políticas baseadas nos principios éticos e programáticos da Marea, que fomenten a participación, unha vida digna para os veciños e unha economía ao servizo da xente, ímonos atopar.

-En caso de que non se chegue a ese acordo, deixarían gobernar ao Partido Popular?

-Nós ímonos fixar nas políticas e nas formas de gobernar. En todo caso, os acordos non os decidiremos no grupo municipal porque van ser levados a votación dentro da Marea Atlántica e tamén a toda a cidadanía da Coruña para que decida.

-Cales serán as súas primeiras medidas se chega á Alcaldía?

-Nós xa temos un documento de 25 primeiras accións onde o primeiro que faría sería baixarme o soldo e reducir un 50% o que custa o Goberno local, en asesores e salarios de concelleiros. Aprobamos un salario máximo de 40.000 euros para calquera edil, incluido o alcalde. Iso aforraría 4 millóns que se poden investir en servizos sociais. Outra medida sería a baixada do recibo da auga. Neste momento Emalcsa está a cobrar aos veciños máis do que custa o servizo da auga. Un servizo cuxo mínimo subiu estes catro anos. Baixaríamos ese mínimo e daríamos un balón de osíxeno á xente con menos recursos. Tamén imos descentralizar a xestión do Concello nos barrios para que os veciños poidan tomar decisións sobre, por exemplo, como se gastan determinadas partes do orzamento. Imos traer novas formas de facer, con máis transparencia. Toda a información do Concello vai ser pública e darase conta de con quen se reúne o alcalde. Queremos que a cidadanía teña unha lupa enriba de nós.

-Eses principios non semellan de dereitas, pero vostedes renegan de definirse como esquerda.

-Nós centrámonos nas políticas concretas porque entendemos que iso é pode aglutinar xente. Cada un ten a súa ideoloxía pero nós propoñemos uns puntos de encontro. Como proxecto no seu conxunto, creo que non é moi útil etiquetar á Marea Atlántica de esquerda. A liña esquerda-dereita é difícil de cruzar para moita xente que, porén, si concorda en apoiar unha cidade sen desafiuzamentos, que fomente o comercio local e onde se dean solucións á mobilidade que non consistan en máis cemento. Ás veces, a etiqueta é inútil para sumar a quen comparte un mesmo sentido común.

-Falan de auditar a débeda da cidade. De onde procedería esa "débeda ilexítima" municipal?

-Un exemplo de débeda son os 13 millóns de euros que se contraeron para pagar o túnel do Parrote, unha obra cunha prioridade social difícilmente xustificable cando se están escamoteando gastos básicos noutros lados, como o colexio de Novo Mesoiro para o que din que non hai diñeiro. Ademais, non revirte no concello da Coruña porque os terreos son da Autoridade Portuaria. Nós debemos analizar se iso é lexítimo ou non. A nosa intención ao chegar a María Pita é abrir caixóns e ventás para que se saia á luz todo o que hai aí dentro.

-Propón entón que non se pague a obra do túnel da Mariña?

-Non, os gastos comprometidos haberá que pagalos pero hai que buscar fórmulas dentro da legalidade para que o custe económico e financeiro sexa o menor posible. Se hai que renegociar a débeda, renegociarase e tamén se buscarán outras canles financeiras como a banca ética ou cooperativa.

-A Lei de estabilidade orzamentaria limita a manobra municipal. Pódese facer outra política con ela ou hai que infrinxila?

-Sempre hai espazos para outras políticas. Nós imos a explorar eses espazos e levar as cousas até onde as podamos levar se iso redunda no ben da cidadanía. A Marea Atlántica non vai ser sumisa a posición externas se entendemos que hai un cauce para defender os intereses da cidadanía. Por outra banda, o proceso da Marea Atlántica forma parte dun movemento de revolución cidadá que se está a dar desde o ámbito municipal ao europeo. Esas políticas pódense invertir.

-Pero daquela están dispostos a infrinxir esta lei?

-Estaríamos dispostos a explorar os seus límites, si.

-Plantexan remunicipalizar servizos. Como por exemplo?

-Como por exemplo a xardinería. A Coruña sempre tivo un servizo público que agora xestiona a empresa Copasa, que está gañando cartos para dar un servizo peor. Hai que buscar outras fórmulas de xestión. Hainas públicas pero tamén cooperativas, de autoxestión e por aí tamén imos explorar.

-Foi elixido candidato sen un proceso de primarias e co "consenso de todos". Non implica iso un pacto de cúpulas?

-Non hai un pacto de cúpulas cando non hai cúpulas. Aquí só hai cidadáns, algúns con afiliación partidaria e outros sen ela, que comparten en igualdade un espazo que é a Marea. Fun o único candidato proposto para liderar a lista aínda que, se alguén máis quixese, podería presentar a súa candidatura facilmente xa que só eran necesarios 15 avais. De tódolos xeitos, eu preséntome ás primarias e aínda teño que ser refrendado. O meu nome xurdiu de forma natural porque desde diferentes puntos se pensou que eu era a persoa acaída, coa que todos se sentirían máis cómodos. Ademais, estiven implicado no proceso desde o comezo.

-Unha formación con tantos partidos no seu seo non é inestable? Está o precedente de AGE no Parlamento galego.

-Nós imos poñer os mecanismos institucionais para que isto non aconteza. Non imos dividir o grupo municipal como reinos de taifas senón que imos crear grupos de traballo mixtos. Ademais, a Marea Atlántica, vai continuar tras as eleccións e serán os veciños os que dean as directrices ao Goberno municipal a través das estructuras de participación da Marea. Esa é a garantía de éxito e a unidade que houbo até agora vaise manter.

-A Marea convidou ao BNG a sumarse mais este rexeitou. Que diferenzas existen?

-A Marea Atlántica é un espazo de confluencia e niso o necesario é fixar puntos de acordo onde se pon por diante o que nos une sen esquecer o que cada un é. O BNG ten unha liña de actuación marcada por uns criterios claros de soberanismo que non toda a Marea pode compartir. Se un non quere renunciar a iso, e é moi lexítimo non querer facelo, non pode estar nun espazo así. Mais co BNG hai moitas cousas que nos unen e iso vai permitir que nos atopemos con eles no Concello. Será moi bonito compartir goberno con Xosé Manuel Carril.

-Que lle pareceu a reacción do Concello ante o asasinato dun seareiro do Deportivo en Madrid en novembro?

-Eu son socio de Maratón, prohibiuseme ir á miña grada un partido e creo que moitos deportivistas nos sentimos sinalados polo que pasou. A violencia no fútbol está claro que non é permisible, como en ningún outro ámbito da vida, pero o que aconteceu é que había unha serie de persoas, algúns Riazor Blues e outros non, que viaxaron a Madrid e que estaban afirmando que aquilo non fora unha pelexa premeditada. Sen embargo, o rebumbio mediático e a presión política provocou que na Coruña se reaccionase contra os seus propios cidadáns. Cando semanas despois se demostrou que aquela versión era a correcta, eu creo que debería ter habido un acto de constricción por parte de alguén. Agora que se coñece a verdade é o momento de tomar as decisions acaídas.