14 de marzo de 2015
14.03.2015
Ana Romero Masiá Autora do libro 'María Barbeito. Unha vida ao servizo da escola e dos escolares (1880-1970)'

"María Barbeito non foi revolucionaria de barricada, pero si moi comprometida"

"Foi unha gran benefactora social, entendía que había que educar, pero que primeiro había que calzar e que dar de comer"

14.03.2015 | 01:12
Ana Romero Masiá.

A profesora Ana Romero rescata do esquecemento a vida de María Barbeito, unha muller interesada en renovar o xeito de impartir a educación desde a dirección das escolas da Guarda e cuxo soño se viu truncado polo alzamento militar do 1936, cando se viu obrigada a deixar o maxisterio

Ana María Romero Masiá é doutora en Historia, profesora e escritora. Este xoves presentou na librería Lume o seu último traballo, un estudo sobre a vida da mestra coruñesa María Barbeito, que publica Baia Edicións. Asegura que a memoria histórica lle debía un capítulo e que ela, repasando a súa pegada no ensino da cidade, decidiu escribilo baixo o título María Barbeito. Unha vida ao servizo da escola e dos escolares (1880-1970).

-Quen era María Barbeito e por que escribe agora un libro sobre a súa vida e a súa historia?

-É unha mestra coruñesa coa que creo que a memoria histórica tiña unha débeda porque foi unha gran renovadora da pedagoxía escolar na escola Primaria. Ela foi mestra e directora nas escolas da Guarda desde o ano 1902 até 1936, cando logo do alzamento nacional se lle impedise seguir traballando. Ela é unha muller traballadora, entusiasta de todos os novos métodos que se desenvolven en Europa e dos que ela está enterada polas publicacións que consegue do estranxeiro. Todo ese material, ela adáptao ás escolas de aquí. Ademais, foi unha gran benefactora social, porque entendía moi ben que, educar, si, pero primeiro, había que calzar e dar de comer.

-Cales foron as súas orixes, como chega a ser María Barbeito esta muller interesada na innovación educativa e nas disciplinas que se ensinan por Europa?

-Ela é filla dun poeta, Avelino Barbeito Hermosilla, masón, republicano, que formaba parte da burguesía coruñesa. Despois, ela casou con Juan Martínez Morás, que fora no seu momento presidente da Real Academia Galega. María Barbeito móvese nun ambiente culto, ilustrado, republicano e liberal. Non é unha revolucionaria no sentido das barricadas, pero si unha muller moi comprometida e moi convencida do que fai e, sobre todo, na época da República, a verdade é que foi extraordinario o traballo que ela fixo.

-Que introduciu no ensino que fose tan rompedor?

-O dato que máis se valora, aínda que non é o único que fixo, é que montou a segunda experiencia de España -cunha diferencia mínima de meses con Barcelona- dos métodos de María Montessori que, naquel momento, era o horizonte e o cambio radical no xeito de dar clase, no modo no que actúan os alumnos, nos obxectivos a conseguir, no movemento na clase, de como se traballa... Era un cambio en todo.

-En que consistía a introdución do método Montessori nas aulas coruñesas?

-Pois desde materiais que había que mercar na propia editorial Montessori até cousas que hoxe están totalmente integradas e que ninguén lles chama xa polo seu nome. O xeito de aprender a contar, a liberdade do alumno na aula, nada de pupitres fixos, moito xogo, moito canto, música e exercicios ximnásticos, saídas ao aire libre... Era o espírito da renovación que introducía a institución libre de ensino.

-E, que pasou no ano 1936 para que se truncase esta carreira de renovación?

-Podemos dicir que morreu en vida, porque morreu na súa vida activa. No 36 estaba dando unhas conferencias despois dunha viaxe por Europa impresionante para ela e para a súa formación, que foi subvencionada pola xunta de ampliación de estudos. A última charla foi o 15 de xullo de 1936 e o 31 de xullo obrigáronna a asinar a renuncia a todos os seus cargos e o inicio do expediente de depuración para apartala do maxisterio. Ela morre no ano 70 con 90 anos.

-Nunca volveu exercer como mestra?

-Durante un tempo mínimo, obrígana a incorporarse, pero ela está completamente deprimida, triste e xa tiña moitos anos de servizo, así que opta por coller unha xubilación.

-Se non fose polo alzamento, onde podería chegar a renovación do ensino na Coruña?

-O que lle quedaba por facer a esta muller... Estaba na súa plenitude nese momento.

-Este labor, facíao en solitario ou había moita máis xente ao seu arredor coas mesmas inquedanzas?

-Moita máis non, pero ela trata de difundir e de animar os compañeiros mestres. Nos anos 30 os colexios da Guarda eran un referente en Galicia porque estaban moi adiantados e viñan profesores doutros centros para ver como se facían as cousas.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
esquelasfunerarias.es