Sentado detrás dos ventanais do café Asteria, no paseo que ao longo de dous kilómetros percorre a parte principal e exterior da península de Caión, Manuel Varela Rodríguez (Malpica, 1954) olla o mar que o rodea todo. Faino nunha contorna ben fermosa, a da vila bergantiñán límite dunha costa, a Ártabra, que anuncia a da Morte e contén nun reducido espazo un porto de orixe baleeira, unha punta de terra que choca coas bravas augas e unha fermosa praia.

O mar que hoxe é obxecto de contemplación para Manuel foi para el ata hai pouco un lugar de traballo e tema de investigación. Nas súas augas superficiais flotan grandes cantidades de seres de moi pequeno tamaño que reciben o nome de plancto. Entre eses organismos figuran, imperceptibles á vista, unhas algas que son quen de aproveitar a enerxía solar e fabricar o alimento que permite a vida no mar.

Ao conxunto desas valiosas microalgas chamámoslle fitoplancto, a "herba do mar". E ao seu estudo dedicou Manuel no laboratorio do Centro Oceanográfico da Coruña do Instituto Español de Oceanografía (IEO) toda unha vida, chegando a ser o principal experto da materia de Galicia e un dos máis relevantes de España.

O factor humano

A natureza da Ciencia, coñecemento con pretensión de obxectividade, e o seu propio percorrido histórico como pensamento autónomo á marxe de dogmas contribuíron a agachar o mundo persoal dos investigadores.

E así, as emocións e intuicións dos protagonistas da Ciencia, a interacción no seo dos grupos de traballo e na comunidade de profesionais, o peso das ideoloxías e costumes ou a presenza de elementos creativos e estéticos no seu labor adoitan ficar fóra do foco que ilumina a acción destes profesionais.

Esa situación dificulta o acceso do público á Ciencia, favorece un afastamento da actividade científica, sitúaa nun mundo irreal e distante.

En consecuencia co comentado pretendemos abordar o percorrido científico de Manuel Varela partindo do seu mundo subxectivo, da súa especial relación coas observacións microscópicas, deixando para un seguinte episodio a síntese das súas pescudas.

A singularidade de Manuel como ser humano reside na súa bondade, paixón e perseveranza. A día de hoxe é, para os seus colegas, o compañeiro máis querido do Centro Oceanográfico da Coruña (IEO). Unha boa persoa nun sentido pleno. Non no convencional que atribúe bondade a quen simplemente non agrede, carece de malicia ou evita os conflitos. El demostrou a súa calidade nas situación apuradas e comprometidas, nas que un se xoga algo.

O inicio dunha paixón

"Xa de neno me gustaban os seres vivos, especialmente os animais". Esa vocación inicial tivo o atranco dun mal profesor de Zooloxía cando Manuel era estudante de Bioloxía na Universidade de Santiago de Compostela. Outros docentes, neste caso unhas profesoras de Botánica, si souberon motivar ao mozo e de aí xurdiu o seu interese polo mundo vexetal.

Na casa tiña un microscopio sinxelo, un agasallo familiar co que empezou a ver as plantas doutra maneira, con el iniciouse na histoloxía vexetal. A poucos foron chegando melloras que lle permitiron ver con maior detalle, por exemplo cando utilizou os colorantes.

Experiencia decisiva

Un paseo co amigo Ramón Varela pola beira do río Sar deu lugar a un momento clave na súa biografía. Viu unha poza e díxolle: "Haberá algo aquí, Moncho?". Esa noite colocou unha pinga da auga recollida no portaobxectos, no vidro que se usa para situar o que imos observar ao microscopio. Aínda hoxe se emociona cando o lembra: "A vida cambiou para min, foi unha experiencia que me transformou", atopar un mundo novo, diferente e gratificante. Esa emoción inicial foi o motor dunha paixón investigadora. Un sentimento que nalgúns científicos ten escaso percorrido pero que no caso de Manuel durou toda a vida.

O vello e querido microscopio xa dera de si todo o que podía, Manuel precisaba outro con máis aumentos e calidade de imaxe. Foi á farmacia Bescansa colleu o prospecto da marca Nikon e alí atopou un modelo "ben chulo", pero o prezo era inalcanzable, andaba polas 40.000 pesetas. Levou o folleto para casa e cada noite repasábao, ata que un día se animou e escribiu ao enderezo da empresa en Tokio.

Uns catro meses despois recibiu carta de Nikon Xapón na que lle anunciaban o envío dun representante. E así foi, ao pouco chegoulle ao piso de Santiago a persoa enviada pola marca xaponesa, quen ao entrar na súa habitación ficou impresionado coas fotos e detalles que Manuel coleccionaba sobre o microscopio. A súa proposta foi o pago do marabilloso instrumento mediante letras de cambio, algo que os pais do futuro científico asumiron.

Necesidade de asesoramento

O novo instrumento permitiulle unha observación moito máis detallada dos seres e estruturas microscópicas. A perseveranza empezaba a dar froitos pero non abondaba: "Vía mellor pero non sabía o que era". Precisaba axuda e escribiulle a Ramón Margalef (1919-2004), experto de sona internacional en microorganismos de augas doces e salgadas.

Tamén acudiu a outro especialista, unha eminencia mundial en algas microscópicas, o profesor Bourrelly, que lle chamaba "mon petit colleaguin". Afortunadamente no departamento de Botánica dispuñan do libro de Margalef Los organismos indicadores en la Limnología, que lle permitiu avanzar con seguridade e se converteu no seu libro de cabeceira.

Foi Luis Freire quen lle axudou para que o responsable de Botánica da Facultade de Farmacia, José María Losa, lle abrira as portas do departamento e facilitara o uso dun microscopio mellor, "definitivo". Ao remate da carreira de Bioloxía Manuel elaborou a súa memoria de licenciatura sobre a taxonomía das diatomeas do monte Pedroso. Si, as diatomeas, esas algas unicelulares rodeadas dunha caixiña de sílice, foron un obxecto preferente nos seus estudos. "Sempre gustei e busquei a beleza e as diatomeas son fantásticas, fermosas", di.

No Oceanográfico da Coruña

En xaneiro de 1978 empezou o traballo de campo para a tese de doutoramento, que trataba sobre a Ecoloxía da lagoa de Sobrado dos Monxes. En setembro do mesmo ano deixou o departamento de Botánica e empezou a traballar no Instituto Español de Oceanografía. Esa institución quería desenvolver un estudo multidisciplinar sobre as rías galegas polo que convocaron bolsas de investigación. Manuel accedeu á do seguimento do fitoplancto, labor que combinou co traballo da tese, que leu en 1984.

No Centro Oceanográfico da Coruña traballou décadas no estudo do fitoplancto e a produción primaria dos océanos. O resultado, do que falaremos nun próximo episodio, foi a obtención de datos moi valiosos para, entre outras cousas, contrastar modificacións que podan afectar á cadea alimentaria no caso de impactos ambientais na contorna costeira. Miles de horas ao microscopio, coa emoción con que iniciou o seu labor, coa ollada inxenua e sabia que preguntaba a eses seres diminutos: "Que me queredes dicir". Nese mundo atopou a maxia e nunca se sentiu defraudado. "A miña vida eran os microscopios".

Agora Manolo afronta un reto diferente, relacionado co párkinson que sofre, e faino coa mesma forza de sempre e co apoio da familia e dos moitos amigos que o queremos.