Do candidato do BNG-Asembleas Abertas, Xosé Manuel Carril, os seus compañeiros de lista din que é "un corredor de fondo", un home que "xa gastou varias zapatillas" de camiñar pola cidade, por toda a cidade, e que é un traballador incansable, deses que compatibilizan as clases na Universidade coas arelas de facer da súa cidade un sitio mellor, un lugar onde os barrios e as aldeas son protagonistas, pero para eles é, sobre todo "un compañeiro máis". E así llo fixeron saber onte, na presentación da súa candidatura, erguéndose das cadeiras brancas instaladas no Campo da Leña, aplaudindo a súa intervención, facendo o labor dese "combustible agrícola" que engraxa a maquinaria dun tractor e faino andar. E el, que os miraba sentado desde as bancadas díxolles: "Veña, sentádevos, que vai empezar a chover".

Carril, o home da cámara de vídeo fixada na cabeza e a caravana branca de Todas as Coruñas, reivindicou onte a unha das esquecidas, a Inés de Ben, unha muller que, logo de ter perdido todo na loita contra os ingleses, a súa parella, o seu negocio, un dos seus ollos, case a súa vida, pasou o treito final dos seus días pedindo pola cidade un anaco de pan. Lembrouna por ser desas que non sae nos libros de Historia pero que sería das que, a día de hoxe berraría: "Non temos medo, temos fame", contra as políticas dos que, cada día "están máis enriquecidos" mentres as maiorías sociais van cedendo "poder e soberanía", contra "o capital que é libre, mentres a cidadanía vai camiño da escravitude".

Carril asegura que o programa do BNG-Asembleas Abertas está configurado a partir de más de 1.200 propostas feitas polos veciños, que achegaron as súas inquedanzas para que, se a formación volta a María Pita para "recoller o testigo que deixou Domingos Merino" -o primeiro alcalde nacionalista que tivo a cidade- se convirtan en realidade. "Facemos política en clave de rendibilidade, non de votos", sentenciou o candidato nacionalista.

Nesa proposta de cidade que o BNG-Asembleas Abertas debuxa no mapa máis alá do 24 de maio non hai lugar para a simboloxía franquista nas rúas, os barrios cobran importancia e non hai investimentos millonarios para pasos soterrados, hai unha loita pola igualdade de xénero e ninguén é discriminado pola súa orientación sexual. Nas Coruñas da formación nacionalista, "Elviña non se vende" e "non hai porcos cebándose á conta dos demais". Hai auditorías ás concesionarias públicas e os orzamentos son participativos e "o povo é o que máis ordena", como cantaba o Zeca Afonso en Grândola Vila Morena. Pero, tal e como dixo a actriz e número sete da lista, Isabel Risco, é unha "cidade vivible, non un lugar do que son donos os pijos e os snobs", explicou esta veciña de Federico Tapia, que defende que, antes que laranxos híbridos no centro, se poñan "beirarrúas en Palavea".

Con Carril estaban onte sentados os membros da candidatura, mais tamén o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, que reivindicou a papeleta do BNG-Asembleas Abertas como a única que é quen de afastar "a podremia do PP de María Pita". "É a antítese [a candidatura do BNG-Asembleas Abertas] dun PP asolagado pola corrupción", explicou Vence, que cargou tamén contra a teima de programar a feira taurina, un espectáculo que considera "cutre e paifoco", foi en contra dos catro anos do Partido Popular en María Pita. "Non deixan en herdanza nada máis ca podremia", sentenciou o portavoz nacional, que definiu a Carril coma "un activista comprometido sen afán de protagonismo". E lembrou algunhas das loitas nas que o candidato a alcalde e o seu equipo participaron nestes catro anos: En contra dos desafiuzamentos, plantándolle cara á violencia machista, ao carón dos mariscadores e das chabolistas.

Lembraron tamén Djiby Fall e Cheikh Faye, número 13 e 19 da candidatura, que foi o BNG "o único" que lles abriu as portas de María Pita cando os compañeiros senegaleses que son "tamén coruñeses" tiveron problemas, cando traballaban no mar ou gañaban na vida coa venda ambulante. "Somos emigrantes senegaleses, pero somos tamén coruñeses e somos moi sensibles á situación que vive a cidade coa crise económica", explicou Fall, que asegurou, entre aplausos, que lle gustaría aprender a falar máis galego. A primeira ovación, porén, arrincouna o número 5, Anxo Sánchez, que reivindicou a construción da residencia universitaria.

A enfermeira e número dez da lista, María Seijo, avogou por loitar por unha Sanidade pública e universal onde os maiores non pasen as noites en Urxencias, onde as listas de espera sexan reducidas e os profesionais poidan traballar.

A prol da cultura, do traballo, da defensa do idioma, de desterrar do día a día a presunta corrupción no Concello, dos investimentos para todos e o protagonismo de "todos veciños sexa cal sexa a súa orixe", en favor das loitas dos traballadores, de Alcoa, de Atento, de poñer no sitio que lle corresponde ás Irmandades da Fala na cidade, do emprego e da vivenda pública de alugueiro e das escolas infantís está o BNG-Asembleas Abertas.

"Gústanos a nosa cidade porque ten nome de muller e gústanos conxugalo en plural, porque hai moitas Coruñas", sentenciou o candidato á Alcaldía, Xosé Manuel Carril.