O proxecto A Coruña Emprende no que colaboran a Fundación Alcoa, a Consellería de Educación e o diario LA OPINIÓN, remata hoxe cunha charla da asesora de orientación profesional e emprendemento, Ana María Alzate Rodríguez, na Universidade Laboral de Culleredo para explicar como levar a cabo un plan de empresa.

A experta destaca que con esta proposta preténdese contribuír a impulsar "o espírito emprendedor, a creatividade e a iniciativa" como valores clave no desenvolvemento persoal e profesional dos alumnos. Na charla, Alzate Rodríguez expón unha sinxela folla de ruta para aprender a deseñar un plan de negocio. Neste proceso analízase a viabilidade técnica, económica e financeira dunha oportunidade de mercado. "Partimos dunha idea e examinamos como definir estratexias para acadar as expectativas marcadas", sinala a ponente, quen destaca como opcións saber como sacar conclusións dos resultados ou como modificar variables para reducir os posibles riscos.

Ana María Alzate ten en conta que para moitos estudantes este pode ser o primeiro contacto con este documento e por eso nesta sesión aportaronse contidos básicos e precisos "por se nun futuro deciden apostar por un negocio". "Botamos man de moitos exemplos prácticos e anécdotas que viven hoxe en día as empresas do noso redor coa finalidade de demostrar a importancia da confección desta memoria", sinala a experta.

Descubrir cal é a actitude axeitada para convertirse nun emprendedor, cales son as claves para orientar o futuro laboral cara un negocio ou empresa propia ou que se precisa para enfrentarse de forma correcta a unha entrevista de traballo son algunhas das cuestións que se abordaron desde o 24 de marzo nas sesións do proxecto A Coruña Emprende que se clausurou hoxe.

Ademais destas actividades para descubrir como crear un plan de empresa o programa tratou nas anteriores convocatorias temas como emprender con éxito, o emprendemento e a responsabilidade social, o marketing online, as patentes e marcas, as presentacións de impacto e as actividades de motivación. Todas estas iniciativas constan dunha parte teórica na que o coach explica os conceptos e outra máis dinámica, na que se opta por poñer exemplos prácticos para que os estudantes percibisen mellor o que se lles quería transmitir.

O obxectivo de A Coruña Emprende era chegar a máis de 500 alumnos da provincia coruñesa e amosar a escolares coruñeses de Formación Profesional (FP), Bachalerato, Secundaria e 6º de Primaria aos que estimular o espíritu emprendedor e fomentar o emprego entre os máis novos cando se incorporen ao mercado laboral.

Con esta proposta, os organizadores apostan por mellorar as competencias dos alumnos en aspectos como a creatividade, a iniciativa, a asunción de riscos ou a responsabilidade. LA OPINIÓN difundiu o resultado dos traballos.

Aínda que as actividades cos escolares rematan hoxe, as clases para os docentes seguen en maio. O vindeiro martes haberá unha sesión sobre patentes e marcas e como crear un plan de empresa. O día 16 en horario de mañá e tarde impartirase outra sobre marketing online e como emprender con éxito. E o día 30 pecharase a formación para docentes con actividades de motivación e cunha charla para aprender a facer presentacións de impacto.