A representante do BNG en Europa, Ana Miranda -a través da súa compañeira de grupo, a letona dos Verdes Tatjana Zdanocka-, presentou unhas denuncias sobre a contaminación de hidrocarburos que sofre a ría do Burgo. Estes expedientes foron admitidos xa a trámite polo que se incorporaron ao informe sobre as rías galegas elaborado pola Comisión de Peticións logo da súa visita aos esteiros galegos en febreiro do ano 2013. Con este movemento, Miranda quere forzar que se reabra a denuncia sobre a contaminación na ría do Burgo e este é un paso previo para que se tome, definitivamente, esa decisión.

"Ademais de presentarmos preguntas en Europa, o que solicitamos é que a Confraría de Pescadores se dirixa directamente á Comisión de Peticións -coa nosa invitación, como sempre fixo- para informar sobre os verquidos. E iso xa está unido ao expediente da ría do Burgo", explicou onte a este diario a secretaria de Política Internacional do BNG, que confía en que se reabra o informe das rías galegas feito pola Comisión de Peticións.

"Nós, a través de Tatjana Zdanocka, o que pedimos é que se reabra o caso, pero non saberemos se é así até pasados uns meses", explicou Miranda, que denuncia que non se cumpríu"nada" do informe elaborado polos europarlamentarios. Se, finalmente, se retoma a denuncia, poderase auditar como está o esteiro logo de que se aprobase o informe en decembro de 2013.

No documento, esíxese o dragado da ría do Burgo e que se habiliten axudas para potenciar a recuperación da zona. Pasado xa case un ano e medio desta aprobación, aínda non comezaron as obras de saneamento da zona. O esteiro enfróntase agora a unha contaminación máis que non fora analizada pola delegación da Comisión de Peticións desprazada a Galicia para comprobar a saúde das rías galegas -o francés Philippe Boulland, do Partido Popular Europeo, a letona dos Verdes Tatjana Zdanocka e a liberal austríaca Angelika Werthmann-, a dos hidrocarburos.

En febreiro deste ano, toda a ría da Coruña, desde a Torre de Hércules até Mera, estivo pechada ao marisqueo de bivalvos polo alto contido de hidrocarburos que presentaban os moluscos.

A ría reabreuse pero, a principios de marzo tivo que estar pechada outra vez polo mesmo motivo. Entón, os niveis non baixaron até pasado máis dun mes e, finalmente, o 25 de abril, os mariscadores tiveron que renunciar a faenar por un verquido de produto petroquímico que chegou ao esteiro a través da rede de saneamento do Concello de Oleiros.

Estes valores, segundo explicou a Xunta, soben, desde hai varios anos, nos meses de febreiro e marzo. A diferencia de exercicios anteriores nos que non se pechaba a ría ao marisqueo, No 2015 si que se procedeu dese xeito porque cambiou a lei comunitaria que regula o nivel de hidrocarburos que poden conter os moluscos para seren comercializdos. Eses índices baixaron e son moito máis complexos, polo que, agora, non se adaptan ao esixido.

A ría permanecía pechada onte ao marisqueo pola presenza, esta vez de toxina lipofílica, coñecida antes como diarreica. Este peche decretouse o 6 de maio.

"O que pedimos é que se unan as forzas e que Podemos -no caso de que se reabra a denuncia- que dea o seu apoio e loite para conseguir o saneamento integral da ría do Burgo da mesma maneira que, calquera iniciativa que se poida presentar por parte de Podemos ou doutro partido político que se queira unir á defensa da ría, que sexa apoiada polo BNG e polas outras forzas políticas", destacou onte o voceiro da Asociación de Mariscadores a Pé, Manuel Baldomir, e membro tamén da Confraría de Pescadores, logo da visita da eurodiputada de Podemos Estefanía Torres á ría do Burgo.

"Toda a problemática que se traslade da cidadanía á Administración debe contar coa unión de forzas para sacar o problema adiante e que non queden arquivadas as cuestións ou que os dous grandes partidos políticos se xunten para intentar frear a situación", explicou onte Baldomir. E é que o informe das rías galegas foi moito máis frouxo do que o manifestaron os eurodiputados na súa visita á ría do Burgo.

"A visita arruinouse con tanto político de aquí, a súa visión non era obxectiva", explicou a eurodiputada Tatjana Zdanocka a este xornal, un ano despois da visita á Pasaxe e tan só uns meses despois de que se aprobase o informe -en decembro de 2013-. "Boulland foi influenciado polos políticos españois que temían ser críticos coas autoridades", denunciaba.