A Agrupación Cultural Alexandre Bóveda vén de recibir o premio Rosalía de Castro da Lingua e a Cultura da Deputación da Coruña. A entidade cumprirá o vindeiro ano o seu 40 aniversario. O xurado tivo en conta a andaina da entidade "a prol da cultura e do idioma galego" e que non interrompese nunca a súa actividade.

"É un recoñecemento a estes case corenta anos de traballo nos que fixemos centos de conferencias, de mesas redondas, de debates e de actividades para defendermos a cultura e a lingua galegas. É un estímulo para seguirmos facendo o mesmo, cando menos, outros corenta anos máis", explica o presidente da entidade, Xosé Manuel Sánchez Rei, que lembra que a asociación Alexandre Bóveda estivo tamén sempre aberta para servirlle de sede a entidades que non tiñan un sitio no que faceren as súas actividades.

Desde a rúa Olmos, a agrupación fixo tamén un esforzo por difundir a vida e a obra do home que lle dá nome á entidade, Alexandre Bóveda, asasinado polos fascistas en 1936.

Este galardón está valorado en 4.500 euros nun tempo no que a defensa e a difusión do galego, segundo recoñece Sánchez Rei, sofre "ataques".

"As políticas aplicadas polo Partido Popular están en contra de todo o que nos define como galegos, do noso idioma, da nosa cultura e da nosa literatura. Eu creo que non nos fai nin mellores nin peores, simplemente, todo iso defínenos como galegos", explica Xosé Manuel Sánchez Rei, que carga contra decretos coma o do plurilingüismo no ensino ou a decisión de eliminar as probas de galego. A Deputación da Coruña honra agora o traballo da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, na que é a súa sexta edición do premio Rosalía de Castro.

Durante estes case corenta anos de vida, a Alexandre Bóveda realizou actividades para maiores e pequenos co obxectivo de impulsar o uso do galego, así como o coñecemento do idioma.

Colaboración

Na súa sede, ademais, fixéronse reunións de plataformas cidadás como Galicia, mellor sen touradas, ou de Stop Desafiuzamentos, entidades que non tiñan un lugar no que se expresar na cidade e que atoparon na rúa Olmos un lugar de reunión. Das paredes da Alexandre Bóveda colgaron tamén pinturas e gravados.