Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Xiao Varela Concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda

"O estado económico que deixou o PP é grave e case non hai marxe para novas accións"

"Na área de Urbanismo, dos 9,5 millóns orzamentados só quedan 32.000 euros" - "Na Mariña e no Parrote a prioridade non será inaugurar senón que as obras se fagan ben"

Xiao Varela, no Concello.

Xiao Varela, no Concello. / carlos pardellas

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

a coruña

O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela (A Coruña, 1979), afronta unha das áreas de Goberno con máis traballo e con máis litixios todavía sen resolver desde o pasado. Tres semanas despois de aterrar nas dependencias municipais, analiza nesta entrevista a situación do seu departamento e debulla os proxectos que prevé levar adiante.

-Que impresión levou da Concellería ao ir coñecendo os asuntos que tiña sobre a mesa?

"O estado económico que deixou o PP é grave e case non hai marxe para novas accións"

"O estado económico que deixou o PP é grave e case non hai marxe para novas accións"

-A nivel persoal, síntome con ganas e ilusionado polos grandes profesionais cos que me atopei. A nivel profesional, estou moi preocupado porque o urbanismo neste Concello está completamente xudicializado. Eu agora fago todo o posible para poñer a vista en novas actuacións pero o que teño constantemente enriba da mesa son rémoras do pasado relacionadas con problemas legais ou litixios millonarios. Refírome a cuestións como Someso, o edificio Conde de Fenosa ou o Ofimático. Non obstante, é ilusionante pensar que por primeira vez hai un Goberno con vontade de poñer todo iso en orde e non de dar a patada e a seguir.

-Denuncian que o anterior Goberno comprometeu grande parte do orzamento este ano. Como afecta ao seu departamento?

-A situación que temos é gravísima. Na miña Concellería non creo que tardemos moito en ter unha análise pormenorizada de conxunto pero, por poñer un exemplo, só na área de Urbanismo, dos 9,5 millóns de euros orzamentados só nos quedan 32.000 euros. O resto ou está gastado ou está xa comprometido. É unha situación grave que nos deixa practicamente sen marxe de manobra para impulsar novas accións. Por exemplo, o Castelo de San Antón ten o embarcadoiro semiderruído. A min preocúpame porque se chega un inverno duro corremos perigo de que se desmorone. Ben, pois para conseguir os 86.000 euros que custaba esta intervención tivemos que facer auténtica enxeñería financeira.

-Neste contexto, cales son os primeiros proxectos nos que están a traballar para sacar adiante canto antes?

-Acabamos de chegar pero, resumidamente, o que temos enriba da mesa como iniciativas nosas son o mercado de Santa Lucía, ao que queremos dar unha resposta en clave propositiva revisando o que viña de atrás e intentando mellorar o proceso, o parque de Bens, onde queremos pechar a posibilidade de construír o Museo do Automóbil previsto nel e facer unha proposta de mellora do propio parque, e o programa de hortas urbanas autoxestionadas. Neste sentido, xa estamos estudando con outras concellerías posibles ubicacións para as hortas, comezando cunha proposta que vén da asociación de veciños de Monte Alto. Tamén estamos a traballar no plan de erradicación dos asentamentos precarios, que para nós é moi importante.

-A súa primeira aparición pública foi nunha visita ás obras da Mariña, que prometeron "humanizar". Como o van facer?

-Nós calculamos que a segunda fase da superficie que están rematando agora pode tardar un mes ou mes e medio en acabar. Despois disto, todavía quedaría o cráter que hai onde se xunta o túnel da Mariña co do Parrote e aquí veñen as miñas preocupacións. Eu estiven o outro día coa enxeñeira de camiños que se encarga de seguir a obra por parte do Concello e quedei bastante preocupado porque, por un tema de présas, a execución deste tramo do Parrote non quedou como debería e hai moitas filtracións serias de auga mariña. Nós, que imos ser quen asuma o mantemento no futuro, non imos permitir estas deficiencias e o que lle imos dicir á Autoridade Portuaria é que as prioridades cambiaron. A nós non nos interesa inaugurar unha obra con afán electoralista senón que a obra quede ben. A nosa intención é poder pechar ese cráter para urbanizar a superficie ao tempo que no túnel se acaban de facer as cousas ben, facendo as inxeccións para impermeabilización que sexan necesarias e traballando a lousa como haxa que traballala. Nós só recibiremos a obra cando o Concello teña garantía de que o custo de mantemento non vai supoñer máis do que debería.

-E na superficie que se vai facer?

-O que está previsto son melloras de moi baixo custe. Aínda que dependerá dos fondos que teñamos, estamos estudando poñer unha serie de bancos corridos de protección entre o cantil e a zona onde están os parques infantís, porque pode ser perigoso para os nenos. Van ser uns bancos sinxelos, tarugos de pedra como os que se puxeron no Campo da Leña para que se protexa a zona.

-Como van aumentar as zonas de sombra que prometeran?

-Estamos estudando algún tipo de umbráculo ou lona. Ten que ser algo de baixo custo e efémero porque o arbolado agora mesmo non é factible polos tempos nos que estamos. Non descarto que a finais de ano, cando sexa época de plantación, plantemos máis árbores, pero esta sería unha solución provisional.

-Din que o Museo do Automóbil non se vai facer en Bens. Que alternativa de ubicación ofrecen?

-Nós entendemos que sendo unha iniciativa privada, a iniciativa ten que ser privada a todos os niveis. Nós estamos estamos abertos a outras propostas e temos técnicos na área pensando en alternativas pero é unha inicitativa privada. Nós non temos interese en que o museo se marche da Coruña pero o que temos claro é que queremos protexer o parque e, falando coa asesoría xurídica, creo que é factible conxelar ese convenio.

-No seu programa prometen un plan de fomento do dereito á vivenda. En que vai consistir?

-Os primeiros contactos que comecei a ter coa área de rehabilitación e vivenda van na liña de preservar o patrimonio. O Concello ten máis de 400 vivendas en propiedade pero aínda non sabemos cantas están baleiras. Estou a facer un traballo detectivesto porque o control do patrimonio é un auténtico desastre. Estou a crear un equipo para actualizar o patrimonio municipal e os convenios que teñen que ver con ese patrimonio porque leva sen actualizar desde 1995. Non sabemos nin o que temos. Preciso un par de meses para poñer as cousas en orde e, a partir de aí, facer unha proposta de acceso á vivenda.

-Van continuar coa programación da peonalización da Cidade Vella prevista polo anterior Goberno?

-Nós estamos a favor da peonalización pero contando coa veciñanza e comerciantes da zona. Teño pendente unha xuntanza con eles para abrir un proceso de traballo e ver de que maneira podemos desenvolver a peonalización. O que non vale é unha política de multas e hai que buscar alternativas para que persoas da Cidade Vella poidan ter un espazo onde aparcar sen ter que comprar prazas de parking privado por 40.000 euros.

-Cales son os seus plans para o parque ofimático?

-Imos desafectar a marxe dereita da Vedra para que non haxa ningún desaloxo e imos paralizar a construción do vial que a cruza. Esta infraestrutura tería un custo de catro millóns de euros e entendemos que, deste xeito, os custos de urbanización van baixar. Vai implicar unha revisión do polígono e imos precisar dun traballo formalizado.

-Van levar a cabo a proposta de conexión xunto ao edificio PROA que propuxera a propia Marea antes da campaña?

-Temos que estudala ben. O vial entendemos que non é necesario porque é moi caro e porque o volumen de ocupación que ten o ofimático non o pide. Aínda así temos que conectar en condicións o polígono co resto da cidade. Esa proposta que fixeramos fora unha proposta de intencións, non era algo resolto tecnicamente. Habería que miralo con calma pero eu creo que esa é a proposta máis lóxica.

-Saben xa en que van consistir os traballos para a legalización do edificio Conde de Fenosa ?

-O estudo do arquitecto estimamos que estará listo en agosto, de acordo co compromiso asinado con el. Pola parte que lle toca ao Concello, que foi quen lle encargou o proxecto de legalización, esa é a proposta que vai avalar. En canto teñamos unhas nocións do que o arquitecto plantexa a miña intención é reunirme coa comunidade de propietarios e demandante. Aínda que tiven peticións, non o fixen porque aínda non teño esa información.

-No relativo ao caso Someso

-Acabamos de abrir o proceso e está en mans da asesoría xurídica. As repercusións que pode ter aínda non as sei pero o que está claro é que imos defender a legalidade absoluta para acabar coas rémoras do pasado.

-Comunicáronlle ao Porto a súa intención de modificar a ordenación do porto interior?

-Todavía non. A primeira reunión será este luns pero será sobre as obras da Mariña. Nós imos pelexar para que eses terreos sexan públicos. Non é preciso máis parque de vivenda na cidade nin facer unha operación especulativa no porto.

-Na Agra os veciños reclaman máis zonas verdes. Hai data para abrir o novo parque do Observatorio que prometeran?

-Xa nos puxemos a traballar neste tema e, aínda que non me atrevo a poñer data, creo que non tardará moito. Cremos que a liberación do solo vai ser un proceso relativamente sinxelo. Hai mecanismos como o da ocupación directa. Temos que analizalo ben e facelo todo conforme á lei pero non vai tardar.

-Moitas das súas promesas en materia de urbanismo teñen que ver con proxectos impulsados polo PSOE no pasado e respaldados polo PP. Vostedes gobernan en minoría. Non teme que poidan quedar en papel mollado?

-Nós só tememos non ser coherentes coas propostas que fixemos en campaña. Se se tumban por un interese partidista, alguén vai ter que dar explicacións. Creo que todas as propostas que fixemos son asumibles por parte de todos os grupos e, se non o son, tamén hai que lembrar que temos bastante capacidade de actuar desde a Xunta de Goberno local.

Tracking Pixel Contents