Manel Cráneo (A Coruña, 1973) é un dos creadores de banda deseñada máis recoñecidos e queridos de Galicia. O debuxante está embarcado xunto con Alfredo Ferreiro na adaptación á novela gráfica de A nosa cinza de Xavier Alcalá, que publicará Galaxia en 2016. Móstrase simpático, falangueiro e explica as vantaxes e desvantaxes dun proxecto desta magnitude. Unha adaptación que lle acerca a unha das súas paixóns: a historia.

-Como entrou neste proxecto?

-A verdade é que foi un proxecto de encargo. Foi un contacto persoal de Xavier Alcalá porque el e Alfredo Ferreiro, encargado do guión literario, coñecían o meu traballo. O primeiro paso foi que me lera a novela, teño que recoñecer que aínda que tiña máis de 100.000 exemplares vendidos nunca a lera. A partir de aí foi cando decidín meterme no proxecto. Polo xeral non acepto todos os traballos de encargo, un xa ten demasiados proxectos como para andar en proxectos alleos, ten que ser algo que me faga tilín-tilín.

-Este proxecto fíxolle tilín

-Si, este proxecto ten moitos elementos que a min me interesan para facer unha historia en novela gráfica. Primeiro, está ambientado nunha época histórica, neste caso a posguerra. Segundo, está ambientada en Galicia, ademais nunha terra que coñezo moi ben como é Ferrolterra. Poder ter as localizacións a man e ter unha boa documentación gráfica é unha cousa que me resulta atractiva a nivel artístico. Desde o punto de vista literario, a historia gústame porque toca unha época de opresión.Vemos un reflexo da mocidade desa época. Pensei que isto era perfecto para crear a metáfora da época. Entón o plantexamento é un pouquiño ese, como se pode sobrevivir sendo mozo nunha ditadura.

-Cales son as maiores dificultades de adaptar unha historia en texto a novela gráfica?

-Dificultades son todas, creo que para min é un dos retos máis complicados que tiven en moito tempo. A obra é realista, hai que poñerlle cara a todos os personaxes e personalidade. As localizacións están inspiradas en lugares que existen na realidade. Realmente o que estás a facer é o que faría un director de cine, ten que ser crible. Ti les unha frase e estase suxerindo que ese personaxe está cabreado, tes que expresalo ben nun cómic. No guión técnico, a elección dos puntos de vista que vas utilizar en cada escena para crear dramatismo ou o uso de certos planos é moi importante Un dos grandes retos é sintetizar, saber que coller e que deixar fóra da novela e facer unha boa criba, ir directamente á esencia da historia. É imposible meter 200 páxinas nun cómic de 120.

-En que consiste a realización dun guión técnico?

-Sería coller un argumento moi desenvolvido e pechado, que é o guión literario, e dramatizalo, levalo á acción, convertilo en algo visual. Saber expresar coas imaxes axeitadas o que temos no texto do libro. Eu imaxino sempre que teño unha cámara como se fose un director de cine e, dependendo de onde enfoques esa cámara, vas conseguir máis ou menos dramatismo. Un pouco nese nivel, é onde comezan a aparecer as metáforas visuais. Lendo o texto atopo que dúas páxinas de texto pódense adaptar nunha imaxe e ao contrario, dúas liñas precisan tres páxinas. Para min o guión técnico é o máis complicado de facer dun cómic.

-É gratificante?

-Moi gratificante, sempre é unha viaxe iniciática. A min é o que máis tempo me leva, nunca teño medida nin límite de tempo. É todo como meter elementos nun gran puzzle e que todo sexa coherente e que o que vai pasando nos dea pistas para o final da historia.

-Que pode recibir o lector da novela gráfica respecto o libro?

-Vai atopar un desenvolvemento visual. Unha novela gráfica é un libro tamén, ten o peso que lle aportan as imaxes para que sexa un produto atrativo para todas as idades. A banda deseñada pode chegar con máis facilidade a certo público, sobre todo adolescentes aos que lles pode entrar mellor esta versión que o libro orixinal. Isto convídaos a que logo rematen lendo o libro.

-Todo este tema das adaptacións lémbrame cando lin A liga dos homes extraordinarios

-Podería dicir que a nivel de guión unha das referencias que tiven foi Alan Moore. Para min o guión é a base. Ao final é o de sempre: se non temos historias que contar, para que nos imos poñer a debuxar? Coa obra de Alcalá partimos dunha historia que xa vén dun libro, que é boa, o que hai que facer é intentar non estropeala. Esa é a responsabilidade que sinto agora, pero é unha responsabilidade que asumo gustosamente porque a min gústame afrontar sempre retos gordos.

-Que parte do seu estilo cre que vai aportar máis?

-A miña forma de contar as historias, o enfoque que eu lle poda das a través da narrativa. Creo que vai ser a forma narrativa que eu utilice e o punto de vista que use. Eu varío o estilo dependendo do que estea facendo cunha tendencia máis ao realismo. Nestes momentos estou co meu proxecto de Planeta Mincha, moito máis de ficción, moi diferente. A adaptación de A nosa cinza vai ser en branco e negro, está decidido. Creo que lle pega moito porque xa é unha obra clásica, está ambientada nun período da historia onde tampouco existía a cor. Todas as imaxes que temos nos chegan dos anos cincuenta son fotografías en branco e negro, e eu creo que facer esta elección é tamén importante. A ditadura é para min un mundo en branco e negro, isto é unha metáfora en si mesma. Vimos dun mundo en branco e negro.