26 de julio de 2015
26.07.2015

Un río para habitar o presente

A maior parte do río Monelos transcorre agora baixo terra - A partir da súa historia, Ángeles Huerta e Antón Núñez traballan nun filme sobre a memoria da cidade

26.07.2015 | 01:45

O río da Coruña chámase Monelos. Ou Mesoiro. Ou rego de Beneirón. Desde o seu nacemento, por un lado nos altos de Feáns e polo outro en Pastoriza, até que morre en San Diego, recibe moitos nomes e acolle centos de historias. Agora, a maior parte do seu traxecto discorre baixo terra. Baixo terra están, tamén, as súas memorias.

"A peli por que se chama Esquece Monelos? Porque nesta cidade hai unha serie de fitos e de concepcións urbanísticas que nos convidan a esquecer o río". Así explica Ángeles Huerta o título do seu proxecto, no que traballa desde hai dous anos co seu coguionista e amigo Antón Núñez e que, logo de moita documentación e entrevistas comezarán a gravar no outono. O filme consistirá nun percorrido polos dezaseis quilómetros do río Monelos dividido en capítulos, cada un deles "relacionado cun concepto moi forte que ten que ver coa memoria", explica Huerta.

Núñez ten un vínculo co río "desde sempre", pero "como unha especie de revelación". Criado no barrio de Elviña, lembra como na Ponte da Pedra moitas veces había auga; sen sabelo, xogaba sobre un río soterrado. "É a metáfora do río que che negan", apunta Núñez, "tes que facer un exercicio de arqueoloxía para traer iso e construír a túa identidade persoal e colectiva".

A canalización do Monelos planeouse por "cuestións de salubridade", explica o coguionista. "Estaba moi sucio", apunta, "o que, unido ao desenvolvemento urbanístico da cidade nos sesenta" convertía o río nun "obstáculo a vencer". Non houbo debate. "Non se construíu ningún relato de conservación", sinala, "a maioría ten memorias moi positivas vinculadas ao río, pero diche que era unha cloaca e que estivo ben que o canalizasen".

Os autores consideran que a dose de violencia na construción recente da cidade foi altísima. "Todos os técnicos din que houbo un urbanismo desaforado, que arrasou con todo", afirma Núñez. Cre que foi "fácil" facelo porque moita xente, como a súa familia, viña do rural e carecía de "vinculación previa" cos lugares e porque "os sesenta non daban pé para moita protesta".

Núñez non sabe se se tratou dun "plan consciente", pero si con consecuencias: "desarticulación, falta de cohesión da comunidade...". E esquecemento. "Pouca xente sabe que, se un baixa á rede de saneamento, pode ver a vella ponte de pedra do Monelos", explica Huerta, un feito que dá pé a falar da historia da Cubela.

"Por alí pasaba o río e había unha poboación moi grande de xitanos", relata Huerta, "integrados ao seu xeito, traballando no muro, na chatarra". Logo, o terreo cédese para a construción de El Corte Inglés e o río desvíase e sotérrase. Trátase, para Huerta, dun "momento clave para a historia da cidade". "Os xitanos pasan a Penamoa e son marxinados, logo hai quen escapa para A Pasaxe, para As Rañas", conta a directora, que quere "recuperar tamén as súas voces".

Núñez abre a porta a "aproveitar as cousas que se van destapando" e facer un proxecto en web "dinámico e colaborativo". Pero o filme, a pesar do interese "no urbanismo e na historia da cidade, é sobre a memoria", sinala a directora.

"Queremos que sexa o máis universal posible, que á xente lle chegue pola emoción", afirma Huerta, "e por iso buscamos que sexa moi local; só desde o local se pode chegar a todos". A autora explica que buscan "facer símiles con imaxes do río e a perda da memoria do ser humano" e xogar "cos mapas da rede do río e os mapas neuronais".

A idea da que parten os autores é que "a verdade negada volve como síntoma". "Ti podes agochar o río pero non podes destruír a conca", afirma Huerta, polo que "todos poden percibir que aí houbo algo". "Podes botar os xitanos da Cubela e levalos a Penamoa", segue a directora, "podes esquecer que unha vez viviron alí, pero todos os problemas que veñen son síntomas daquilo".

"Todas esas cousas están aí se recuperamos o tropos do camiño", sinala Huerta. "A película é un paseo, un transitar por esas zonas que a propia configuración urbana nos nega", explica a directora. "E aí ves todas esas contradicións e esas barreiras, pero tamén verdadeiras epifanías", engade, "porque xorden lugares que revelan moito do noso pasado e do noso presente".

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
esquelasfunerarias.es