O Teatro Rosalía volveu ser onte o escenario do espectáculo Lúas de Outono, despois dunha paréntese de catro anos na que a Fundación Manuel María non puido celebralo neste recinto pola negativa do anterior Goberno local. A homenaxe anual ao poeta da Terra Cha, que acadou xa a súa sétima edición, contou nesta ocasión coa participación do conxunto musical Pepe Vaamonde Grupo, que estreou dúas pezas baseadas en poemas de Manuel María, e ademais o seu novo disco Lume. Pola súa banda, os poetas Xulio López Valcarce, Marta Dacosta e Miguel Anxo Fernán Vello foron os encargados do recitado de textos durante o acto.

O regreso ao Rosalía era unha sentida aspiración da Fundación Manuel María, que, aínda que conseguira a autorización da Deputación para realizar o espectáculo no Teatro Colón, optou por razóns sentimentais a retornar ao escenario no que se realizaron as primeras edicións da homenaxe ao autor a quen se dedicará o vindeiro Día das Letras Galegas.