A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica gañou onte unha das batallas polas que máis levaba loitando desde hai anos: a desaparición do rueiro coruñés da praza do xeneral Millán Astray, agora praza das Atochas. O seu presidente, Fernando Souto, analiza a situación da memoria histórica na cidade co novo Goberno. O PSOE, pola súa banda, agradeceu ao actual Concello o recoñecemento aos socialistas por ter contribuido á retirada da simboloxía franquista.

-Que significa o cambio da praza de Millán Astray a praza das Atochas?

-Representa o inicio dunha folla de ruta para retirar a simboloxía franquista da Coruña e unha grande oportunidade para recuperar os valores que están vixentes na sociedade coruñesa de hoxe en día.

-Por que na Coruña se tardou tanto en comezar a cumplir coa Lei de Memoria Histórica?

-Creo que por erros de cálculo dos políticos que no seu momento estaban a tomar decisións na Corporación municipal. Pensaban que iso non reportaba un caladeiro de votos ou que eran máis os problemas que os beneficios.

-Houbo na Coruña menos sensibilidade cara a simboloxía franquista que noutras cidades?

-Non, aquí non somos diferentes a ningunha outra cidade. O que acontece é que a historia da Coruña no período democrático está moi vencellada á figura de Paco Vázquez, que defendeu sempre que non existía simboloxía franquista na Coruña. Ese pouso quedou aí e foi un relato que sempre se mantivo até que un grupo de expertos dictaminou a súa existencia a nivel documental. É coñecido que o general Mola era un símbolo franquista aínda que había políticos que o negaban e que consideraban que era un símbolo histórico. Iso está recollido nas actas dos plenos.

-Cal debe ser a filosofía dos novos nomes?

-Unha opción debera ser a de recuperar os nomes tradicionais que tiñan as rúas. Outra, contar coa opinión dos veciños e que eles poidan facer as propostas que consideren. As denominacións deben reunir aspectos de convivencia, que non afecten a ningún veciño.

-Que lle parece que o PP fose o único partido que non asistiu ao acto da praza das Atochas?

-Perderon unha oportunidade de incorporarse á convivencia e á alegría do momento que vivimos na cidade. Se non lles apetece vir á festa é a súa responsabilidade. Non entendo por que non se animan a recibir os abrazos e o saúdo da xente.

-Por que cre que se lle debería retirar a Manuel Fraga o título de Fillo Adoptivo da cidade?

-A Lei de Memoria Histórica establece que deben ser retirados os símbolos que sexan contrarios ás normas actuais de convivencia e nela fálase dos ministros de Franco, que participaron activamente no réxime. Fraga foi ministro daquela e nomeado Fillo Adoptivo por unha Corporación que non era democrática. As razóns polas que foi nomeado as descoñezo pero probablemente fose para potenciar o réxime franquista. En Francia, o mariscal Petain sempre será o heroe da batalla de Verdún pero non haberá ningún símbolo que o homenaxee porque foi condenado a morte por traizoar a Francia. Pero se ti queres falar do heroe de Verdún, a historia tela aí. Neste caso, non falamos do Don Manuel presidente da Xunta, falamos dun ministro do réxime e deben retirárselle os honores.

-Valeríalle que se lle retirasen os honores pola etapa da dictadura e se lle outorgasen pola etapa como presidente de Galicia?

-Pois sería un acto moi interesante. Eu, persoalmente, votaría que non, pero sería interesante se así o decide a maioría do pleno, que é soberana. Creo que moitas Corporacións democráticas eloxiaron a súa figura pero non pola súa actividade durante a etapa franquista.

-Cal debe ser o límite para manter no rueiro ou no Concello homenaxes a alcaldes da etapa franquista?

-O criterio debera ser o da súa participación na represión. Os que se destacaron por participar en xuízos sumarísimos sen ningunha garantía xudicial ou por promover de paseos, non deben contar con ningún tipo de distinción. Houbo alcaldes que foron máis ben figuras administrativas e que non participaron na represión. Iso xa é outra cousa.

-Que diría a quen considera a substitución destas placas un xeito de borrar a historia?

-A historia é imborrable. Hai períodos históricos que sempre volven, que son pasados presentes. Hai que ser moi necio para intentar borrar a historia. Trátase simplemente de cumplir coa Lei de Memoria Histórica e cunha vontade cidadá. As honras e as rúas débense dedicar a persoas e feitos meritorios que poidan ser repetidos polas xeracións futuras. Que fixo xente como Millán Astray de meritorio para ser repetido por xeracións futuras?