-Que opinión ten sobre a sentenza do Constitucional que confirma a supresión das axudas?

-Sentímonos estafados. Non valora a realidade do que foron os plans de vivenda e utiliza unha argucia legal para xustificar a eliminación das axudas. Cando compramos os pisos había axudas que duraban dez anos que se renovaban cando pasaban cinco para comprobar que non variaran as condicións económicas de cada un, pero a sentenza di que aos cinco anos se produce unha nova solicitude, cando o único que se fai é permitir o acceso aos datos fiscais e ó expediente, polo que para nós é unha estafa xurídica. Entendemos que é unha sentenza politizada e que non ten lóxica porque unha lei non pode anular algo que é teu. Sentímonos defraudados porque a nosa esperanza é que o Constitucional nos dera a razón.

-Como cre que pode afectar esta sentenza aos prexudicados?

-A axuda que se concedía non era elevada, xa que rondaba entre os 100 e os 140 euros dependendo de cada familia, pero hoxe en día coas condicións económicas que hai, esa cantidade a moita xente estalle afectando de maneira moi forte.

-Pensa que hai persoas que terán que deixar as súas vivendas por esta razón?

-Hai moita xente que xa deixou os seus pisos porque a perda desta axuda afectoulle bastante, xa que para moitos 100 euros é un 10% do seu soldo . Eu coñezo ademais xente que quixo vender o piso e que o tivo moi difícil. O que hai que resaltar é que nós seguimos con todas as obrigas como é non poder vender o piso ata os dez ou quince anos en función de cada plan, non podemos alugalo, para vendelo hai que pasar pola Xunta e cumprir unha serie de requisitos inaccesibles para moitísima xente e devolver parte das axudas que nos deron, non podemos renegociar as hipotecas ata que se liberen nin os intereses, que ademais están moi por riba dos da vivenda libre.

-Cal pensa que foi a orixe desta decisión do Goberno central?

-O que quixo facer foi un recorte social. Houbo unha reinterpretación restrictiva da normativa de 2012 que contiña unha equivocación escandalosa, polo que como ían perdendo todos os recursos que se presentaban, aprobaron unha lei que ademais era de estabilidade orzamentaria, polo que nin fala da vivenda, e na que nunha disposición se cargaron as axudas. Por iso dicimos que a xente que compra un piso con este tipo de axudas ten que andarse con coidado.

-Coas eleccións xerais á volta duns días, pódense recuperar as axudas cun cambio de goberno?

-Imos intentar que o pleno do Concello da Coruña debata unha moción sobre o noso problema como xa fixéramos anteriormente. A plataforma estatal que agrupa a todos os afectados xa falou con todas as forzas políticas e todas incluén nos seus programas de goberno a nosa demanda de que se manteñan as axudas. Pero o PP non a inclúe, xa que foi moi amable ao recibirlles pero non dixo absolutamente nada.

-A plataforma estatal quere recorrer a Bruxelas para ver se é posible recuperar as axudas. Ten esperanzas?

-A finalidade é recorrela, como se fixo coa dación en pago, pero hai que ter en conta que o único que fai Bruxelas é unha advertencia. O máis efectivo sería que houbese un cambio de goberno para que un partido, sexa o que sexa, fixera súa a nosa reivindicación e a aplicara con efecto retroactivo, porque son miles de vivendas e moita xente afectada. A vía europea é moito máis longa, aínda que entendemos que é o seguinte paso despois da sentenza do Constitucional. Hai unha estimación de que en Galicia con entre 5 e 6 millóns de euros se pagarían todas as axudas, polo que sería asumible por calquera administración, xa que non é unha cantidade excesiva e ata a Xunta podería facerse cargo dela.