Houbo música, cancións cantadas baixiño, herdadas do pasado, outras que chegaron desde o outro lado do Atlántico e historias contadas en primeira persoa, realidades que semellan contos e soños que se tornan o día a día de quen os imaxinou. Houbo de todo, como todos os días na radio, coa excepción de que onte, entre as cinco e as oito da tarde, as sete emisoras que contan con programación propia na Coruña dixeron o mesmo, baixo o nome de A Radio Conta.

Esta experiencia, que se celebrou onte por terceiro ano consecutivo, tivo como protagonista a Ecos do Sur, a entidade que celebrará o vindeiro ano o seu 25 aniversario e que recibirá, froito deste programa, máis de 9.000 euros para continuar co seu labor e axudar a refuxiados.

A Radio Conta -que reúne as voces dos xornalistas de Radio Galega, Radio Nacional de España, Radio Coruña-Cadena SER, Onda Cero, COPE, Radio Voz e Radio Marca- recibiu onte a visita da conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato (PP), a do alcalde, Xulio Ferreiro (Marea Atlántica), e a do presidente da Deputación, Valentín González Formoso (PSOE), que analizaron os resultados das pasadas eleccións xerais.

Mato ten claro que o PP foi o vencedor porque foi a lista máis votada, aínda que, á pregunta de se haberá pronto unha presidenta, contestou: "Debería habela xa mesmo" e engadiu: "Quen sabe, queda tanto por facer no PSOE...". Para Ferreiro, que recibiu un sonoro aplauso por esta resposta, as eleccións non son cousa só de contar votos, senón tamén de escoitar á cidadanía. "O PP é o partido máis votado, pero hai unha aposta polo cambio. Sería unha fraude ao electorado negarlle á xente o cambio cun pacto feito por presións de arriba", dixo. Para González Formoso, porén, non hai un gañador claro, aínda que si perdedoras: "as empresas que fan enquisas", xa que non foron quen de previr este resultado.

Houbo política, pero tamén deporte e superación da man de Marta Brañas, a primeira campioa de boxeo profesional, que xa adiantou que non poderá competir nas Olimpíadas, porque é para boxeadoras amateurs e que lle gustaría facer carreira en Estados Unidos e Europa. Estivo tamén na mesa Chano Rodríguez, o nadador paralímpico que prepara con 59 anos os xogos de Río. E pasaron tamén pola Fundación Barrié, onde A Radio Conta fixo o programa en directo e de cara ao público, o xornalista Fernando González Gonzo, para contar a súa experiencia na illa de Lesbos e para dicir que, coma en tantos lugares, aínda queda moito por contar. Ecos do Sur falou do traballo diario da entidade, de que se pode axudar con diñeiro, pero tamén co banco de tempo, no que se precisa de todo, desde mestres até fontaneiros e dentistas que poidan colaborar co seu traballo a desbrozar o duro camiño que os demandantes de asilo teñen ao chegar a Galicia.

Porque non abonda con chegar a un país de acollida para estar a salvo, porque se precisa documentación, que moitas veces non se pode conseguir, para poder acadar o estatuto de refuxiado. E sonou tamén a voz de Nadia Hariri, que é filla e muller de sirios e que contou que a súa familia política volveu ao seu país logo de chegar a Xordania, porque non vía opcións de poder saír adiante, e falou o presidente do Dépor, Tino Fernández, que se someteu a un exame de Koruño e tamén Manuel Lourenzo e Santiago Fernández, que lle deron vida a don Quijote e a Sancho Panza.

E sonaron outras voces, as de Xurxo Souto, o actor Javier Gutiérrez e a produtora Emma Lustres, as de Xabier Díaz e Guadi Galego, a de Silvia Penide e Xoel López e non sonou, aínda que estivo, a do contador Nacho Mirás Fole.