A estas catro estudantes do Puga Ramón propuxéronlles facer un guión sobre a violencia de xénero e non buscaron o camiño fácil. Creadoras mozas de 15 e 16 anos, puxeron o foco no maltratador para contar unha historia desde os seus ollos, desde os recordos que lle veñen á cabeza no cárcere. O libreto, que titularon Corazón amoratado, vén de gañar un certame da Deputación. Así, as palabras que fiaron convertiranse nunha curtametraxe real na que tamén participarán.

Son Uxía Carreira, Mencía González, María Calvo e Gara Sandá, alumnas de terceiro curso de Educación Secundaria do instituo Puga Ramón. O xurado destacou a "orixinalidade do guión, a claridade e a capacidade de xerar reflexión, conciencia, sensibilización e prevención da violencia de xénero", que era o obxecto da convocatoria do ente provincial, que distinguiu ademais con mencións honoríficas os traballos dun grupo do instituto Punta Candieira, de Cedeira, e o Poeta Añón, de Outes.

"Quixemos falar dunha parte importante nas historias de maltrato, o home, para que se vise desde o seu punto de vista. Neste caso está no cárcere e arrepíntese, algo que pode non pasar na realidade, do maltrato tanto á súa muller como ao seu fillo, que é homosexual", resume Uxía Carreira. Pareceulles interesanter porque "é unha parte desde a que non se falta normalmente", segundo engade María Calvo.

O xurado -que incluía a técnicos de igualdade, servicos sociais e edición e deseño gráfico da Deputación e no que estaba o presidente da Academia Galega do Audiovisual- destacou tamén que a futura curtametraxe traballa con diferentes formas de violencia de xénero dentro do ámbito familiar e fai fincapé na importancia social da denuncia. Uxía Carreira explica que querían "concienciar" á xente para que interveña e non trate estes asuntos que están no seu entorno como alleos.

Como alleas non son tampouco ás actitudes machistas que xa existen na súa franxa de idade ou na sociedade na que viven e das que son conscientes. "Sempre existiron pero están aí, por exemplo, en todas esas cancións latinas, sexistas nas súas letras", reflexiona Mencía González. Fala tamén a súa compañeira María dos programas de televisión que "tratan á muller como un obxecto" e que transmiten "que, se elas non visten de determinada forma, non encaixan".

A titora do proxecto, Anxos Romeo, celebra ter unhas alumnas "coa cabeza no seu sitio" e que son quen de facer "reflexións moi maduras, coas ideas moi claras". "Estou orgullosísima delas, eu só lle din certas indicacións técnicas de como se fai o guión, pero todo foi idea delas", recorda a profesora sobre o traballo das estudantes, que fixeron en tres días, despois de mudar a última hora de idea e facer un novo guión. A Deputación premiará ás rapazas cun curso práctico de realización de curtametraxes, no se que producirá un vídeo con base no guión gañador. Otórgase tamén un premio en metálico de 2.000 euros en material para o centro.