Alumnos do IES Fernando Wirtz da Coruña participaron este luns 18 de abril nunha xornada formativa da segunda edición do proxecto A Coruña Emprende 2, unha iniciativa organizada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria na que colaboran a Fundación Alcoa e LA OPINIÓN, que busca fomentar o espírito emprendedor entre os máis novos para mellorar a súa inserción laboral unha vez que rematen a súa formación académica.

Mónica Álvarez, economista do despacho Álvarez Real, amosoulles aos asistentes todos os pasos que deben dar os emprendedores desde que teñen a idea que queren transformar en empresa ata que este proxecto se convirte nunha realidade. Os alumnos do IES Fernando Wirtz tiveron a oportunidade de coñecer tódalas claves para ser emprendedores da man desta economista que impartiu a xornada informativa Da idea ao negocio.

A ponente aclara que durante o proceso de creación dunha empresa requírese unha boa idea, un mellor plan de negocios así como certo coñecemento dos trámites administrativos precisos para xestionala entidade de forma correcta desde que se decide poñer en marcha o proxecto.

A longa experiencia de Mónica Álvarez Flores no sector da asesoría integral ás pequenas e medianas empresas (pymes) e aos emprendedores que queren montar un negocio desde o despacho de Alvarez Real, permitiulle aos alumnos del IES Fernando Wirtz coñecer eses trámites legais, tanto os que son de uso obrigado como os que se recomendan para maior seguridade. Os asistentes á xornada de onte aprenderon que no proceso de montar unha empresa hai que evitar que a burocracia acarree demoras na súa apertura e custos innecesarios, senón que pola contra, débese mellorar a súa xestión e nalgúns casos evitando posibles sancións.

Alumnos e docentes de Primaria, Secundaria e Formación Profesional de 15 centros educativos da Coruña e a súa área metropolitana que participan nesta segunda edición de A Coruña Emprende teñen neste curso a oportunidade de participar en xornadas informativas como as de onte sobre temas como neste caso as patentes e marcas, pero tamén como emprender con éxito, o emprendemento e a responsabilidade social, o marketing online, as presentacións de impacto e as actividades de motivación. Todas estas actividades constan dunha parte teórica na que o coach explica os conceptos e outra máis dinámica, na que se opta por poñer exemplos prácticos para que os estudantes perciban mellor o que se lles quere transmitir. Ademais das xornadas formativas para alumnos e docentes, o programa A Coruña Emprende 2 complementase con visitas dos alumnos a empresas, entrevistas con empresarios da zona, un concurso de idea e de negocio e outro de proxectos de miniempresas. Neste último caso participan catro centros educativos: o CIFP Paseo das Pontes da Coruña, o IES Viós de Abegondo, o IES Isaac Díaz Pardo de Sada e o IES Universidade Laboral de Culleredo.