O CIFP Paseo das Pontes foi un dos catro centros educativos da Coruña e a súa área metropolitana seleccionados para formar parte do proxecto miniempresas de A Coruña Emprende 2, unha das novidades da segunda edición do programa coordinado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, financiado pola Fundación Alcoa e no que colabora LA OPINIÓN. Ademais deste centro tamén traballaron nesta iniciativa, que busca fomentar a creación de empresas simuladas nas aulas, o IES de Viós de Abegondo, o IES Universidade Laboral de Culleredo e o IES Isaac Díaz Pardo de Sada.

No caso do CIFP Paseo das Pontes, 24 estudantes do ciclo de grado medio de Cociña e Gastronomía traballan coa axuda de 16 alumnas do módulo de grado superior de Patronaxe e Moda en Dircomida, o seu proxecto de miniempresa baseado na venda de comida. Na última semana de febreiro puxeron a venda os menús preparados polos alumnos do módulo de Cociña que venderon aos seus compañeiros e profesores. Desde donuts e croissants ao almorzo a produtos máis delicatessen e algo máis caros como pastas máis elaboradas e bombóns, ademais de minipizzas, empanadas e bocadillos. Foron os pratos estrela de Dircomida, cuios prezos os integrantes do proxectos aínda calcularon para sacar beneficios que se destinarán a fins didácticos. A iniciativa foi un éxito e por iso os beneficios tamén foron cuantiosos e puideron invertirse en varias actividades formativas que só cos recursos do centro non sería posible.

A coordinadora deste traballo no CIFP Paseo das Pontes, Noa González, explicou que no caso dos alumnos do módulo de cociña decantaronse por invertir parte das ganancias nunha xornada gastronómica no restaurante Alborada da Coruña, que conta cunha Estrella Michelin. Os rapaces puideron participar nun showcooking colaborando co empratado e desfrutar dun menú degustación.

Os participantes en Dircomida contaron para o seu proxecto coa axuda das alumnas do ciclo de Patronaxe e Moda do centro ás que subcontrataron toda a parte relacionada co merchandising. As estudantes deseñaron o logo da empresa e marcapáxinas, crearon a entidade corporativa rodaron un anuncio publicitario sobre o proxecto. Neste caso, cos beneficios obtidos pola súa aportación a Dircomida, as alumnas demandaron unha masterclass da deseñadora coruñesa María Barros. A experta amosoulles ás alumnas como modelar sobre maniquí, unha técnica moi novedosa e aínda descoñecida.

González destaca iniciativas como os proxectos de miniempresas nos que participou o centro este ano no marco de A Coruña Emprende 2 son moi "positivas" para o alumnado porque se ven obrigados a desenvolver habilidades que non sería posible doutra maneira.

Ademais dos proxectos de miniempresas, A Coruña Emprende 2 inclúe actividades de sensibilización ao alumnado como reunións con empresarios e visitas a empresas e xornadas formativas para fomentar o espírito emprendedor entre os estudantes.