Hai maratóns que non se gañan correndo, porque non hai que poñer un pé diante do outro senón ler en voz alta unha verba logo da anterior e, así, todos, sen pausa. Esta é unha das actividades que os alumnos do instituto A Sardiñeira teñen planeadas para a celebración do Día das Letras Galegas. Unha maratón na que participarán todos os estudantes do centro. A inmersión na literatura comezou xa o día 9 e rematará o 20 de maio, coa graduación dos alumnos de Bacharelato.

Entre as actividades programadas estaba unha charla co escritor Francisco Castro, outra coa creadora Mercedes Queixas, que achegará a figura de Manuel María aos alumnos, e outra actividade, O océano para terrícolas, que dirixirá Xurxo Souto.

Haberá xogos populares, cos estudantes do Urbano Lugrís e un concerto de Narf, o 18 de maio, no Museo de Arte Contemporánea para poñerlle música á lingua galega.