As Irmandades da Fala xuntarán o mércores no Teatro Rosalía a figuras destacadas da cultura galega con motivo do centenario do nacemento do movemento cultural e a súa vinculación coa cidade. O acto, que conta coa colaboración do Concello, terá entrada libre e gratuíta ata completar a capacidade do recinto. Comezara ás 20.30 horas e haberá música e lectura de textos de Castelao, Antón Vilar Ponte, Ramón Cabanillas e Vicente Risco.

Participarán Cántigas da Terra, o Real Coro Toxos e Froles de Ferrol, a Coral de Ruada de Ourense y o grupo Cantigas e Agarimos no apartado musical. A escritora Estíbaliz Espinosa moderará unha homenaxe con, entre outros, os membros da Real Academia Galega Fina Casalderrey e Manuel Rivas, a profesora da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica Carmen García-Rodeja, a xornalista da Radio Galega Cristina Lombao, o dramaturgo Manuel Lourenzo e Manuel Lugrís, neto de Lugrís Freire, un dos fundadores das Irmandades da Fala.

O BNG tamén conmemora os cen anos da creación das Irmandades da Fala esta mañá desde as 12.00 horas. Organiza un roteiro teatralizado pola cidade que parte desde o Obelisco e percorrerá lugares emblemáticos vinculados a personaxes precursores do nacionalismo galego como a sede das Irmandades na rúa Franxa ou da Real Academia Galega. Haberá caracterizacións de Otero Pedrayo, Ánxel Casal, Elvira Bao ou Álvaro Cebreiro e asistirá a voceira nacional do BNG, Ana Pontón.

Nuns días de lembranzas culturais, o poeta Manuel María terá moito protagonismo. O homenaxeado o martes no Día das Letras Galegas será obxecto dunha xornada de portas abertas no Pazo de María Pita, onde se celebrará ás 12.00 dese día o acto Pregoa a voz! coa lectura pública dos seus textos desde o balcón do edificio municipal.

O mesmo 17 o Concello colaborará co Consello da Cultura Galega na organización do Concerto das Letras 2016, que se celebrará por vez primeira na cidade, e no que actuará a banda Milladoiro. Os convites para asistir ao espectáculo no Teatro Rosalía desde as 20.30 repártense no despacho de billetes da Praza de Ourense de luns a venres.

O poeta de Terra Chá será tamén lembrado ao longo da vindeira semana na biblioteca pública Miguel González Garcés cunha conferencia sobre a obra do autor, unha lectura de poemas e contos e mostras bibliográficas e de carteis.

A Fundación Galicia Obra Social súmase á celebración do Día das Letras Galegas con actividades para escolares e de carácter interxeneracional en centros de maiores de Galicia ao longo do mes, como contacontos para nenos de infantil e primaria e ilustración de poemas para escolares e maiores.

Tamén o centro comercial Espacio Coruña ofrece hoxe as 18.00 un espectáculo de monicreques baseado na obra de María e o obradoiro O meu libro tolo de poesía con versos tolos o luns á mesma hora.