Días para lembrar a Manuel María, para que a cidade teña presente o que foi o seu veciño. Os actos comezaron onte á mañá cunha festa na praza de Sellier (rúa Pastoriza) con poesía, lecturas dramatizadas, música, caldo e churrasco. Convocada polo colectivo In Nave Civitas, tivo como convidada especial á viúva do poeta, Saleta Goi.

Tamén se suma a estas xornadas de homenaxes o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), cun ciclo de cine centrado en Manuel María e tamén no centenario das Irmandades da Fala. Será entre o mércores e o venres, coas proxeccións de Peregrinaxes. Viaxando con Manuel María, Manuel María na Terra Chá e Manuel María. Eu son fala e terra desta miña terra. Baixo o lema Pregoa a voz!, o Concello convida a todos os veciños a ler, o martes a partir das 12.00, textos de Manuel María en María Pita. A inscrición, na web do Concello e no 010.