Cinco agrupacións de Ciudadanos denuncian que o partido imcumpre os seus estatutos ao non manter ao candidato Antonio Rodríguez na papeleta do Congreso ás vindeiras eleccións. As coordinadoras da Coruña, Cambre, Culleredo, Oleiros e Ames eríxense como "garantes da democracia" no seu partido e solicítanlle á dirección que "reconsidere" o seu posicionamento.

A formación laranxa decidiu que Antonio Rodríguez, que foi o único candidato de Ciudadanos que acadou o seu escano en Galicia, non repetirá como cabeza de lista nas eleccións do 26 de xuño. O seu posto ocuparao José Canedo -candidato á presidencia da Xunta por UPyD, no ano 2012-. O seu nomeamento, segundo explica o secretario de organización de Ciudadanos, Fran Hervías, débese a que o deputado electo "non cumpre as expectativas" da formación e a que lle queren dar entrada "aos mellores". O mesmo argumento vale para descabezar a lista de Pontevedra, xa que Antonio Lara tampouco repetirá.

As cinco agrupacións coruñesas explicaron onte que consideran unha "traizón" aos votantes e á militancia o feito de que un partido coma o deles, que leva "no seu sangue" a elección de candidatos por primarias renegue agora dos resultados que lle entregaron as urnas e que caia no xeito de operar da "vella política". Antonio Rodríguez foi o único na Coruña que conseguiu os avais necesarios para se presentar ás primarias, polo que foi elexido directamente como cabeza de lista. A coordinadora da Coruña, Patricia Pertierra, denunciou onte que este cambio se fixera sen ter avisado aos representantes da formación política na provincia e sen que a coordinadora en Galicia lles dera ningún tipo de explicación.

Hervías defende, ademais, que a formación non está a faltar aos seus principios, xa que se basea na lexitimidade do Consello Xeral do partido para modificar as primarias. "A decisión foi apoiada polo 85% e sen votos en contra", explicou onte Hervías a este xornal. Cargou tamén contra o perfil de Rodríguez, que en campaña non soubo concretar ningunha proposta da formación laranxa para a provincia nin falou no acto central do partido na cidade. A decisión, entre outros factores, está fundamentada en que Rodríguez non conta con "capacidade para argumentar" os posicionamentos da formación nin para "comunicar as propostas" de Ciudadanos.

Rodríguez cualificou este cambio de "cacicada" e renegou do posto número dous da lista que lle ofrecían. As cinco agrupacións coruñesas que onte solicitaron á dirección xeral do partido que devolvese á cabeza de lista a Rodríguez, non deixaron claro que farán se, o 23 de maio, cando se peche o prazo para entregar as listas, a candidatura da Coruña mantén a Canedo no número un. Non decidiron se marcharán do partido ou se mesmo se negarán a facer campaña nas súas circunscripcións, aínda que si anunciaron que tomarán "medidas".

"Que credibilidade pode ter un partido que pide unha cousa que non fai na súa casa? Estámoslles dicindo que se están a equivocar", dixo onte o coordinador da formación en Cambre, José Antonio de Lorenzo. Neste cambio de cabezas de lista e do que as agrupacións non teñen "constancia formal", algúns dos representantes da formación laranxa quixeron ver un "erro" ou un malentendido, xa que a última comunicación que recibiran era de que se mantiñan as candidaturas de decembro, aínda que saben que non é tal.