Fran X. Rodríguez acaba de ver como Ladrones de tiempo, a curtametraxe da que é director, productor e montador, resultou triplemente premiada na decimoterceira edición do Festival de Cans. A cinta, que o pasado mes de novembro se fixo co principal galardón do III Concurso de Cortometrajes Mombasa Gin&Films, conseguiu nesta ocasión os recoñecementos ao Mellor Guión, e Mellor Curtametraxe por parte do público e do xurado.

-Esta curta parte do roubo do tempo a alguén obsesionado coa puntualidade. Foi sinxelo dar forma a un concepto abstracto?

-Un tema tan profundo coma o tempo queriamos abordalo dun xeito desenfadado, para transmitir mellor a idea ao espectador e que se quedara coa mensaxe final. A idea que queriamos transmitir era a unidireccionalidade que ten o tempo, que viaxa nunha soa dirección e nunca volve, sen embargo tamén somos donos do mesmo tempo e na nosa man está aproveitalo ou deixalo pasar.

-Algunhas partes da cinta teñen un toque británico. Inspirouse nalgunha historia ou estilo concreto para desenvolvela?

-Ese toque british é o que lle da o protagonista, Santiago Fernández. Buscamos darlle unha apariencia británica: serio, aburrido e gris; a fin de contas, tal e como é a vida da personaxe, traballando de oito da mañá a oito da tarde nun círculo que segue repetíndose en bucle. O estilo narrativo ten moito que ver co cinema de Rodrigo Cortés, por exemplo. Hai unha curta brasileira do ano 1989 que se chama A illa das flores, que foi a nosa referencia á hora de contar a historia.

-A curtametraxe comeza cunha introducción moi publicitaria. Cre que este estilo axuda a captar a atención do público?

-Si, é curioso porque a obra foi plantexada para un certame de curtametraxes con contido de marca pero, por outra parte, queriamos tamén, aínda que a marca estivese presente, que a curta por si soa funcionase coma un traballo de ficción. Decidimos arrancar a modo de spot para captar máis a atención do espectador inventando a marca da empresa do protagonista.

-Considera que a sociedade actual está máis pendente do tempo ca nunca?

-Sen dúbida, creo que vivimos todo demasiado rápido e non nos paramos a pensar en todo o que nos arrodea. Ás veces é mellor ir máis despacio e disfrutar das cousas máis simples, que son as que están ao teu carón e as que non eres capaz de ver moitas veces.

-A rodaxe foi realizada cun baixo presuposto.

-Foi feita coa colaboración de moitísima xente que se integrou dentro da produción a coste cero, pero, ao gañar os 10.000 euros do premio do terceiro concurso de Mombasa Gin&Films, puidémoslle pagar a todos o seu salario.

-Foi sinxela a organización de todo o equipo da rodaxe?

-Todo se xestou nun mes, desde a idea principal ata a entrega final. Fomos coma un reloxo, conseguimos rodearnos de grandes profesionais onde cada un sabía o que tiña que facer, desde o guionista Marcos Nine, pasando polos actores ou os produtores executivos de Bululú Creativos. Foi unha especie de conxura astral.

-Durante ese mes vos convertestes un pouco nos protagonistas da curtametraxe?

-Si, nos roubamos tempo uns a outros para sacar e peli adiante. Ademais, tiñamos unha data límite de entrega, envalentonámonos e tiramos para adiante.

-Podería terse rodado nas mesmas condicións económicas hai uns anos?

-Creo que é máis sinxelo agora, porque os medios están máis ao alcance de todos nós. É máis accesible dispoñer dunha cámara e un ordenador cuns requisitos mínimos e montar unha peli. De feito, algunhas están gravadas ata cun móbil.

-A pesares de levar uns meses presente en festivais, queda Ladrones de tiempo para rato?

-A vida das curtametraxes é dun ano ou ano e medio, o percorrido festivaleiro. Comezamos a movela en xaneio e pensamos que quedan aínda uns sete ou oito meses de vida. De momento, levamos xa vinte recoñecementos, cos que non contariamos na vida. A nosa idea era ir ao concurso de Mombasa, e o que nos está vindo agora é un regalo.