O verán esváese e dan comezo as tempadas dalgunhas das agrupacións musicais da cidade, como é o caso da Banda Municipal de Música, que inicia hoxe o seu tradicional ciclo de benvida ao outono. Abrirá o programa o director Ángel López Carreño, que se porá á fronte da formación esta tarde ás 19.30 horas na praza de San Andrés cun repertorio no que se inclúen as Danzas Armenias de Alfred Reed.

López Carreño será unha das tres batutas convidadas que, trala despedida do anterior director titular da Banda Municipal, Andrés Valero-Castells, poderán optar a ocupar o seu posto, unha decisión que correrá a cargo da Concellería de Culturas asesorada polos músicos da agrupación. O actual responsable da Banda Municipal, José Luis Represas, avanza que os directores convidados "prepararán tres concertos moi suxerentes e esixentes para o nivel da Banda Municipal, que leva moitos anos con propostas moi innovadoras e con grandes repertorios".

Tras a actuación inaugural, a Banda Municipal será conducida por Pascual Piqueras Cabanillas, o 15 de setembro na mesma ubicación e horario, nun concerto no que se incorporarán pezas como El Quijote de Ferrer Ferrán. O emplazamento e a hora volverán repetirse no concerto que ofrecerá a agrupación musical coruñesa baixo a conducción do último director convidado, Juan José Ocón, o próximo 22 de setembro, unha cita na que se porá sobre escena unha selección das melodías de West Side Story de Leonard Bernstein, entre outras composicións.

José Luis Represas, dirixirá á Banda Municipal no recital que clausurará as actuacións deste mes e que se celebrará no teatro Rosalía o 29 de setembro ás 20.00 horas cun repertorio adicado ao compositor de zarzuelas ponteareano Reveriano Soutullo.

"Unha das cualidades das que dispón a Banda é a súa versatilidade, xa que pode tocar nun concerto sinfónico, nunha inauguración, nun concerto popular...", afirma Represas. En concreto, o ciclo de setembro goza do favor do público en cada unha das súas edicións, nas que se colocan "cincocentas ou seiscentas sillas que están ocupadas unha hora antes".

José Luis Represas valora a figura do anterior director titular, Valero-Castells, como "un gran músico e compositor cunha traxectoria importante e coñecido non só a nivel nacional senón tamén internacional", que dirixiu a Banda Municipal no que foi un ano "moi singular artísticamente".

O actual responsable da Banda Municipal explica que a formación conta cun "nivel altísimo" no que inflúe a franxa de idade na que se atopan os seus compoñentes: "Hai unha media de idade en torno aos corenta anos, son xente que conta con moita experiencia no atril e con moitísima calidade, xa que se formaron en toda España e Europa". O reto do novo director titular será "conseguir manter a relevancia social que ten a Banda Municipal e subir o nivel artístico individual e de grupo", un traballo "moi esixente para calquera director".