-A súa área é unha das que máis ten que relacionarse coas outras administracións. Como é o trato desde hai máis dun ano?

-Non é bo. Vivimos un bloqueo institucional, e esta é a sorpresa máis negativa que me atopei ao entrar no Concello. Eu entendía que as loitas non ían ser partidistas, pero o que se fai é bloquear a gobernos de outra cor. Levamos máis dun ano de dura aprendizaxe. Chegamos a acordos puntuais, pero son máis numerosos en cuestións técnicas que cando as liñas de traballo son políticas. Tamén cústanos moito convencer á oposición para que apoie as nosas causas, que son boas para a cidade. En temas como o mercado de Santa Lucía, Tabacos, os peiraos, a intermodal ou o plan de entrada de buses metropolitáns á cidade a Xunta nin se para a falar.

-Se lles critica moito por falta de acción ou lentitude administrativa. Como na concesión de licenzas, por exemplo.

-Estamos a facer un traballo silencioso e pouco vistoso que no Concello non se fixo de xeito serio. Vimos que o Goberno anterior optou polo continuismo con respeto ao PSOE e non se meteu en cousas molestas, como a cuestión das licenzas. É un traballo difícil que come moito tempo, pero imos conseguir que o servizo de licenzas sexa moderno e non actúe de xeito discrecional, sen favoritismos, con informes cronolóxicos. Infraestruturas está empezando a funcionar coma unha máquina engrasada.

-O alcalde xa remitiu ao grupo do PSOE as liñas mestras do orzamento de 2017 para tratar de aprobalo a finais de ano. Que grandes retos afronta a área de Rexeneración Urbana?

-Temos os mesmos que para todo o mandato. Basicamente agrúpanse en tres a curto e medio prazo e un de máis longo percorrido.

-Imos polo inmediato.

-Primeiro: traballos sobre o espazo público para conseguir un deseño universal de cidade, unha Coruña para toda a xente, accesible, segura e inclusiva. Un exemplo claro: este mandato non pode rematar sen unha beirarrúa sen rebaixar. Queremos resolver demandas históricas e urxentes dos barrios e as necesidades das persoas cun urbanismo táctico que priorice esas urxencias segundo a importancia e os recursos. Facer máis con menos, seleccionar ben para que cada acción non sexa un luxo.

-Diga un exemplo concreto.

-A reforma da praza de San Pablo. Atopámonos cun proxecto do Goberno anterior dun millón e medio de euros con elementos de deseño caros para unha praza que, con certas deficiencias, funcionaba. A reforma non se fará para ter unha praza de revista, senón adaptada ás necesidades dos veciños con pequenas operacións sistemáticas sen molestias levantando toda a praza.

-Máis traballos inmediatos.

-Recuperar espazos públicos infrautilizados onde haxa capacidade, zonas sen urbanizar para dinamizar con pequenas intervencións para darlles máis uso público. Por exemplo nos espazos de Vixía en Monte Alto, entre os centros escolares arredor da torre do barrio.

-Se pensamos en vivenda?

-É o segundo bloque a medio prazo. Queremos aumentar o parque público de vivenda, que agora ten 403 pisos, traballando nun proceso para facernos con máis vivenda xa construida para non xenerar novas construccións e paliar o problema de que haxa 20.000 pisos baleiros na cidade. Temos que actuar en edificios en ruínas ou abandoados; hai 140 declarados en ruínas, máis non son todos os que hai. Encargamos un informe de localización de edificios abandoados sen ruína declarada onde queremos entrar. Hai que preguntarlle aos propietarios se queren vender eses edificios ao Concello se non os arranxan, ou terán que responder coa súa responsabilidade.

-E o terceiro reto?

-Mellorar e rexenerar os equipamentos esquecidos, como locais municipais, a cafetería Remanso ou centros cívicos con deficiencias. Pero tamén facer investimentos en centros escolares; mercados municipais que teñen que revitalizarse, como Monte Alto, no que xa se deu o primeiro paso co concurso de ideas para algo máis que un lavado de cara, ou Santa Lucía, San Agustín e Adormideras; e en espazos deportivos, como o campo de Eirís ou a Solana, que queremos que sexa o equipamento público que necesita a zona; a súa compra está acordada, agora temos que presentar petición formal en seis meses.

-Fala de Santa Lucía. Por que esta semana o Concello plantexou un centro de saúde alternativo no Paseo das Pontes?

-Non podemos ter este proxecto bloqueado pola Xunta tras meses de negociacións e despois de que o concelleiro cambiara de idea. Nós apostamos por ubicar o centro de saúde en Santa Lucía, pero para evitar demoras presentamos unha opción alternativa horizontal, como di que ten que ser o centro, no Paseo das Pontes. Agora Sanidade ten onde escoller.

-En que se está a avanzar dentro do programa de vivenda para residentes de asentamentos chabolistas?

-É un traballo silencioso que se ten que levar con discreción. Hai feitos deseños de itinerarios, pero iso non é visible, e neste caso que no se vexan os resultados aínda é algo positivo. Estamos a ter boa resposta da xente, todos queren participar, pero teñen que facelo de distinto xeito. O colectivo Arquitectos Sen Fronteiras estanos a prestar un apoio fundamental.

-E a longo prazo, cara onde apunta o Concello?

-Ao cambio da relación da ciudad co borde litoral. Asentaremos as bases no 2017 para tratar cuestións de planeamento para mellorar a relación co mar desde o punto de vista de lecer, paisaxístico e medioambiental. Falamos de interactuar co mar. Traballaremos no desenvolvemento das Xubias, que é un espazo de potencialidade enorme, no Portiño e sobre todo no futuro dos peiraos urbáns. Xeneraremos un foro cidadán no que os veciños falen e propoñan sobre o que queren que se faga máis aló dos convenios pola venda de Calvo Sotelo e San Diego.

-Ese asunto debe tratarse nunha comisión, segundo acordou co Porto. Cando a convocará o Concello?

-Agardamos a que remate este mes. É un tema sensible que non está sendo de consenso e que afecta ao futuro da cidade. Queremos que ese terreo sexa para a cidade e non para intereses particulares. Non pode decidir só o porto.

-Xa que alude a o Porto. Melloraron ás relacións?

-Son moito mellores, sobre todo a nivel técnico e operativo. A relación co director é fluida, co presidente menos, pero levámonos mellor que cando chegamos.

-Hai moitos asuntos pendentes en distintas etapas. Empecemos pola Marina e as obras en superficie.

-O ano que vén traballaremos nas medidas de humanización: mobiliario, zonas de sombra, proteccións? É un espazo conflitivo no que hai que actuar con seguridade xurídica e as cousas non están resoltas a nivel de titularidade.

-O parque ofimático.

-Desentramamos moitos dos problemas que había e xeneramos un clima de traballo productivo con pequenas solucións para as partes que rebaixaron a tensión. O acordo con Xestur e os grandes promotores para rematar a urbanización senta bases e crea consenso. A paralización das cuotas tamén é positiva para os pequenos promotores, que son os grandes perxudicados. Para tratar de arranxar os problemas non podemos centrarnos só nos dunha parte, senon abordar os de todas. A zona ten que ser habitable e alí agora non hai nada.

-Dixo vostede hai meses que o acordo con Fomento pola reforma de Alfonso Molina era un triunfo da cidade. Cando se vai poder celebrar?

-Temos que sentarnos en breve co director de Infraestruturas para concretar o convenio de expropiacións, o documento que defina ben todas as cuestións e condicións económicas do acordo. Marcará o que falta por expropiar e de qué xeito se destinan os 2,5 millóns que Fomento se comprometeu a poñer para obras de integración. Nos bordes da avenida queremos decidir nós como actuar (vexetación, proteccións da estrada, sendas peonís, traballos en Elviña, onde irá parte deses cartos). Xa encargamos un estudo sobre intervención nos bordes que irá no convenio.

-Con Fomento está parado el concurso para rehabilitar Comandancia de Obras.

-Non sei por qué non está a andar, dixeron no seu día que por un defecto de forma. Preguntei hai meses e respostáronme que a convocatoria volvería a saír.

-Na mesma zona, na Maestranza, non houbo ofertas para comprar os terreos de Defensa. Serán finalmente municipais?

-Que o concurso quedara deserto foi un logro da nosa insistencia por introducir un informe da potencialidade arqueolóxica da zona do que tiñan coñecemento. Non imos permitir que alí se constrúa, nin o permite a lexislación autonómica. Agora Defensa pediu asistencia ao arqueólogo municipal para un contrato para facer catas arqueolóxicas, que xa están a facer. En función delas, a ver como actúa Defensa.

-Promoven a reactivación do cárcere pese a que a lea pola titularidade está nos tribunais?

-Estamos pendentes do fallo xudicial. É patético que teñamos un urbanismo xudicializado. A sentenza en contra do Superior de Galicia nos obriga a pagar 1,2 millóns de euros se queremos recuperar o cárcere e fomos ao Supremo porque a instalación está en terreo municipal. Non podemos permitir o deterioro. A cárcere vai a ser municipal sí ou sí, pero esperamos que non haxa que pagar esos cartos. Antes de que chegara esa sentenza empezamos a negociar co SIEP a posibilidade de facer mediante convenio unha cesión de uso. Temos unha proposta de convenio moi avanzada pero estou esperando un informe técnico que nos dea seguridade na inversión de acondicionamento. Se o firmamos, faremos obras mínimas para que a xente use o espazo para proxeccións e eventos culturais. Sería autoxestionado ou en concerto con Concello.

-Hai diferenzas coa Xunta pola intermodal. É a obra de nunca empezar?

-Temos moitos problemas coa Consellería de Infraestruturas, que máis que colaborar semella que vai ao conflito. Reivindicamos maior compromiso. Nós cumprimos con moitos dos nosos deberes, pero se eles non queren ser solidarios? Traballamos para resolver os accesos e estamos dispostos a arrimar o ombreiro e ocuparnos da avenida da Sardiñeira e da praza pública sobre a estación de buses, máis urbanización da que nos tocaría. Se a Xunta non fai un esforzo, nós nos quedamos na nosa parte e que eles se encarguen do equipamento de uso metropolitano para resolver a intermodalidade. A Xunta pon de fondos propios dous millóns e a nós nos piden doce. Non é xusto. Debe facer un investimento maior.

-Outra lea coa Xunta é polo proxecto da pasarela de Marineda. Por que?

-Nas reunións plantexamos demandas e eles se comprometen a consultalo antes de facer presentacións, pero logo non nos chaman. Ese non é o procedemento correcto. Actúan de xeito unilateral. Pedímoslle conexión con Martinete e que a pasarela fora cuberta, pero presentan a documentación sen ter en conta nada do que lles pedimos.

-Haberá Museo da Automoción nun lugar que non sexa o parque de Bens?

-Á Fundación Jorge Jove dixémoslle que non estabamos en contra do museo, pero sí da ubicación no parque de Bens. Dixémoslle tamén que escoitaríamos propostas alternativas, pero non propuxeron outra zona, e agora non sei por que foron a consultar a Ferrol. Nós sí pensamos noutras zonas, como o parque automovilístico frente a Marineda, unha zona ben conectada e con espazo. Non lles negamos o museo na cidade pero o compromiso con Bens o mantemos.

-Que impresións saca deste longo ano e, como diciamos ao principio, das relacións coas Administracións?

-Paréceme un privilexio estar onde estou e ter a capacidade de xenerar políticas transformadoras na liña que levabamos anos reivindicando. Eu aspiro a ser capaz de transmitir algo á cidadanía estes catro anos: que a boa cidade se constrúe a lume lento, como a boa cociña, con moita actividade e movemento. Pero as decisións que afectan aos cambios da cidade téñense que tomar entre todos e con consenso. Pódense facer pequenas intervencións de urbanismo táctico sen necesidade de grandes obras que non son sostibles. Temos exemplos en Palexco e a nova Marina? Temos grandes retos e podemos cambiar cousas, pero de xeito calmado e escoitando todas as voces.