Camilo de Dios tiña doce anos a primeira vez que andou escapado. A partir de aí, cuns pais de daban "vivas a Rusia" e unha conciencia social da que non se afastou nunca, foron moitas máis, polo monte, polas vilas... Agora ten 83 anos. É o derradeiro guerrilleiro de Galicia, o único que queda vivo e, antes de que a súa voz se esgote ou a súa memoria mesture desexo e realidade, catro estudantes de Comunicación Audiovisual, da Universidade da Coruña están a facer un traballo para que a súa historia non se dilúa.

O traballo, segundo conta o director de fotografía do proxecto Camilo: o último guerrilleiro de Galicia, Juan Pirola, comezou hai máis dun ano, cando Camilo recuperou o corpo do seu irmán, Perfecto, que morreu con tan só 19 anos, nun tiroteo coa Garda Civil. Corría o ano 1950 e pasou moitos máis anos dos que viviu, enterrado nunha foxa común ao carón do cemiterio da vila abulense de Chaherrero.

"Xa que tiñamos que facer o noso Traballo Fin de Grao, decidimos contar a súa historia. Non é un proxecto que naza só coa vontade de facer unha peza audiovisual senón como arquivo de memoria histórica, polo que nos lanzamos a facer un formato webdoc. É un documental interactivo que se pode ver a través dunha web e na que hai a posibilidade de ir ampliando contidos", explica Pirola.

O traballo presentaranno este mércores na facultade, pero a finais de outubro estará dispoñible na web oultimoguerrilleiro.com, con toda a información adicional que suman á historia de Camilo de Dios, que foi distinguido pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica como Republicano de Honra deste ano.

Son dúas semanas de rodaxe na casa do derradeiro guerrilleiro, pero tamén moitas horas de conversa informal con el. Parolas nas que, arredor dunha mesa, lles contaba a súa nenez, a vida dun rapaz ao que, segundo el lembra nunha testemuña recollida pola comisión, vestían de cura, cunha "sotaniña e unha coroíña" para que pasase munición e pezas para as metralletas.

"A nós, o que máis nos gusta da vida de Camilo, é que cando falamos del, simplemente lle estamos a poñer unha cara que, dalgún xeito, sintetiza a historia de moitas persoas", explica Pirola, porque non todos chegaron a vivir para poder contar a súa loita.

Porque Camilo de Dios, ademais das súas lembranzas, garda tesouros que sacan dos libros a súa historia. Ten as botas do seu irmán Perfecto, as mesmas que levaba cando o enterraron. "Son un símbolo porque son as botas dunha persoa que está fuxindo a Francia porque aquí, a súa vida corre perigo despois de anos de resistencia no monte", comenta o director de fotografía de Camilo: ultimo guerrilleiro.

Conta esa historia, mais tamén, por que garda no espello do seu cuarto un reloxo que un compañeiro lle deixou en herdanza e, sobre todo, fai fincapé na parte da loita, do non conformarse co réxime establecido e de intentar cambialo, aínda que iso signifique cumprir os 17 anos na Comandancia do Cuartel da Garda Civil. "Camilo, a día de hoxe, reafírmase en todo o que fixo, así que non é a historia duns coitadiños, senón do orgullo de como prantaron cara e de como loitaron polas cuestións nas que eles crían", relata Pirola que, aínda sendo moi novo, é maior do que era o Camilo de Dios guerrilleiro.

"Pensar que un rapaz, con quince anos andaba polo monte fuxindo e enfrontándose a moitas cousas e ver como estamos nós agora... Por iso cobra unha importancia moi grande a recuperación da memoria histórica, non só por facerlles xustiza a eles, que había moitos mozos e mozas na guerrilla, senón tamén por reivindicar a valía de loitar por aqueles valores polos que crían. O altruísmo, o compañeirismo... Creo que na nosa xeración se foron diluíndo e que é un exercicio recuperalos e poñelos en valor", reflexiona Juan Pirola.