O deputado socialista electo pola Coruña ao Parlamento Galego Juan Manuel Díaz Villoslada pide explicacións á secretaria xeral da Agrupación Local do PSOE, Mar Barcón, e unha profunda reflexión sobre o acontecido o pasado sábado no comité federal, que rematou coa dimisión do até entón secretario xeral, Pedro Sánchez. Villoslada, que non comparte o posicionamento de Barcón de dicirlle que non a Pedro Sánchez, é partidario tamén de que se "calmen as augas" antes de tomar decisións a nivel local na agrupación.

-Como se presenta agora a situación na Agrupación Local da Coruña, logo de que a secretaria xeral se posicionase en contra de Pedro Sánchez, aínda cando os socialistas da cidade dixeran na reunión previa ao comité que apoiaban maioritariamente ao secretario xeral que escollera a militancia en primarias?

-Na reunión os asistentes mostraron o seu apoio máis que a Pedro Sánchez como persoa á figura do secretario xeral. Creo que temos que ter toda a información e que se nos dean todas as explicacións que estamos solicitando. É un momento para sentar todos xuntos e para analizar como podemos saír desta situación. Evidentemente, isto vai estar condicionado aos movementos que se dean en Madrid e en Compostela, pero do que se trata é de unirnos para coller forza outra vez. Non podemos estar todos os días falando de temas puramente orgánicos, cando os temas que nos preocupan están na rúa, por exemplo, o expediente de regulación de emprego de Extel, o retraso da fábrica de Tabacos, os problemas de gobernabilidade... Non debemos obviar o debate orgánico, que saíu demasiado fóra e, incluso, de maneira bochornosa, pero temos que unirnos e falar todo iso e solucionalo chegando a acordos, sendo xenerosos para podermos retomar os problemas da xente e da cidade. Proximamente se vai constituír o Parlamento de Galicia e teremos unha reunión do grupo parlamentario socialista e temos que estar unidos para traballar nesa oposición que temos que facer.

-En que órgano ou en que formato cre que se deben dar esas explicacións e esas conversas no eido local e en que prazo?

-Moita xente temos solicitada unha asamblea porque nos parece que é o máis correcto e a secretaria xeral, Mar Barcón, polo que lle teño escoitado dixo que a ía convocar en canto proceda para falar de todo e para tratar de tomar un rumbo outra vez todos xuntos porque así non podemos seguir máis tempo.

-Como van facer para reconciliar esas dúas posturas, a da militancia e a da súa secretaria xeral que votou en contra da proposta de Pedro Sánchez propiciando a súa dimisión?

-Diso é do que temos que falar. Hai que deixar que se calmen un pouco as augas, porque falar en quente é sempre complicado. É certo que existen esas posicións distintas pero, agora, temos que tratar de traballar en conxunto, non podemos estar en liortas orgánicas todos os días.

-Esas dúas correntes ou maneiras de entender a política, vense tamén no pleno municipal, onde parece que hai concelleiros con máis ganas de apoiar ao Goberno local ca outros, máis centrados en facer oposición por todo, como van conciliar esas dúas posturas?

-Iso vén desde o inicio do mandato, aínda que eu non me quero meter excesivamente no eido da política local, porque o meu ámbito é o autonómico, si que é certo que hai xente máis proclive a un posicionamento e outra a outro. Eu creo que hai que facilitar, xa que o fixemos coa investidura, a gobernabilidade da cidade, por exemplo, no caso dos fondos Eidus; o Goberno da Marea e os socialistas temos que traballar conxuntamente para que a cidade avance, porque, nestes momentos, os proxectos parece que están ou moi aletargados ou non saen e temos os orzamentos do 2017 por diante. O Goberno da Marea ten que facer unha reflexión de por que non está a ser quen de xestionar a cidade. Nós, o partido socialista, creo que podemos achegar a capacidade de xestión e a de traballar con máis forza para que a cidade non siga parada.

-Iso significa entrar no Goberno local?

-Non vou dar a miña opinión, porque terá que ser un posicionamento da propia executiva local, que sei que é un tema do que se está a falar coa Alcaldía. Unha opción das máis sólidas podería ser esa. A situación de impasse na que estamos creo que non facilita que a sociedade funcione.

-Como pode repercutir na cidade que o PSOE pase do "no es no" de Pedro Sánchez á abstención na posible investidura do candidato do PP, Mariano Rajoy, afectaría á súa gobernabilidade e ao pacto de Goberno?

-Espero que non repercuta, na medida en que nós estamos apoiando a investidura do Goberno actual e se está falando, precisamente, para reforzar esa gobernabilidade. É certo que un cambio de posicionamento nas investiduras en Madrid, polo que estamos vendo noutras comunidades, é que pode ter incidencia por parte dos socios de Goberno. Creo que habería que evitalo, pero o risco está aí e hai que afrontalo, aínda que non está clara a postura en Madrid.

-Como será o calendario na Agrupación Local, haberá unha asamblea e despois, que pasará?

-Temos que ter as asambleas aquí e en Santiago ver tamén como van as negociacións co Goberno local.

-E se as razóns do non de Mar Barcón a Pedro Sánchez non convencen aos militantes, que sucedería?

-Terémolo que analizar se se dá a situación. Haberá que ver como se enfocan esas explicacións e haberá que ver a que acordos se chega. O que precisamos é falar do acontecido, temos que calmar as augas para non dar o espectáculo que se deu no comité federal en Madrid. A xente non merece esa situación e temos que reconducir as cousas o máis posible. Eu sempre digo que hai que ser coherentes cos posicionamentos que van cara adiante e cos que non.