A asociación Alexandre Bóveda está de aniversario e, para celebralo, este mércores encherá o teatro Rosalía de Castro de música e de palabras. "Levamos xa todo o ano dedicando a unha actividade concreta cada un dos meses", explica o presidente da entidade, Xosé Manuel Sánchez Rei. Así que, pola sede da agrupación pasaron xa mostras de teatro, de monicreques, de xadrez e de literatura e segue aínda nas súas paredes unha exposición que honra a memoria da entidade cunha compilación de fotografías.

Cumpren corenta anos de vida, os primeiros, así que, para celebralo, haberá festa e festival. A partir das 20.00 horas, actuarán Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, tamén o grupo de teatro de Arteixo Paso de Valverde e o acordeonista diatónico Alberte Núñez. Os encargados de presentar a cerimonia serán Isabel Risco e César Cambeiro. A entrada é libre até completar o aforo do teatro.

Explica o presidente da entidade que é moi complicado "sintetizar en dúas horas" corenta anos de vida e de loita, de traballo para intentar difundir non só a figura de Bóveda senón tamén a cultura e a lingua galegas, todo o que teña que ver coa produción artística en Galicia. "Aparece nos nosos estatutos", explica Xosé Manuel Sánchez Rei. Sobre o escenario do Rosalía haberá só unha mostra, un petisco do que representa a asociación Alexandre Bóveda na cidade, e faino coa música do primeiro traballo discográfico de Xabier Díaz coas Adufeiras de Salitre, Tambourine man, unha volta ao canto e á percusión tradicional.