O 6 de marzo de 1926 o estudante de Medicina Urbano Losada leu o seu discurso de ingreso na Sección de Bioloxía do Seminario de Estudos Galegos. Do tema tratado, Superstición, suxestión e medicina, coñecemos a parte publicada na revista ourensán Nós en maio dese mesmo ano, co título A espiritada de Moeche e o poseso Antón Ramilo.

O xinecólogo Losada

Esa contribución de Losada levounos a analizar o seu contido e a recoller datos da biografía deste médico. Empezando polo segundo aspecto, diremos que Urbano Losada Martínez naceu o 13 de xuño de 1902 na Coruña, na zona da Cidade Vella (rúa Ferrerías, 5), fillo de Francisco Losada Alonso, de Santa Marta de Córgomo (Ourense), administrativo nas oficinas militares, e de Josefa Martínez Canzobre, de San Cristovo das Viñas (Concello de Oza naquel tempo). Rematou a licenciatura en Medicina en xuño de 1928 e por un ano ocupou a axudantía da cátedra de Obstetricia e Xinecoloxía da facultade de Medicina de Santiago de Compostela. Despois pasou a exercer na Coruña como xinecólogo, con consulta na rúa Fernández Latorre, 64-4º, traballou para Beneficiencia municipal e foi inspector de Sanidade. Casou con Enriqueta Cortiñas López, tivo dous fillos, María Teresa e José Enrique, e finou o 14 de xullo de 1974. Publicou en 1932 un folleto na imprenta Moret da Coruña, Tétanos post-aborto: curación, e ingresou o 22 de marzo de 1963 como numerario na Real Academia de Medicina y Cirugía de Galicia co discurso: Divagando en torno a la Medicina: Una lectura, que foi publicado ese ano no número 6 de Galicia Clínica.

Un médico comprometido coa cultura galega

Losada amosou unha especial sensibilidade coa causa da dignificación do idioma galego emprendida polas Irmandades da Fala desde a súa creación en 1916, de feito, escribiu no seu voceiro A Nosa Terra e participou no Seminario de Estudos Galegos. Tamén apareceu como colaborador de El Momento, un xornal creado polo irmandiño Ánxel Casal en 1930 para impulsar a ORGA (Organización Republicana Gallega Autónoma), se ben non localizamos artigos seus na publicación. En 1970 participou cun pequeno escrito na reedición facsímile da revista Nós, da que fora colaborador. Por outra banda, desenvolveu un labor divulgativo como conferenciante e escritor, así, por exemplo, impartiu unha conferencia o 18 de xaneiro de 1929 na Universidade Popular da Coruña: El problema del cáncer.

O caso da 'espiritada de Moeche'

Nas primeiras décadas do século XX algúns médicos pretenderon abordar fenómenos e comportamentos singulares de grande impacto popular, como as supersticións, desde un certo achegamento científico. O caso da espiritada de Moeche (tamén chamada iluminada) saltou á opinión pública en xaneiro de 1925. Manuela, unha agricultora de 22 anos levaba catro cun padecemento de tipo tuberculoso que a tiña deitada na cama, nun proceso de progresivo deterioro, diagnosticada como afectada por unha "neurastenia aguda". De súpeto, a doente empezou a falar en terceira persoa, afirmando que quen se expresaba era un crego de Ortigueira morto en La Habana. A súa voz colleu acento cubano e un ton rouco, daba consellos, predicaba e amosaba coñecementos da liturxia e recuperou o apetito. O crego do lugar acolleu favorablemente as novas facultades de Manuela e empezaron a organizarse peregrinacións para acudir á casa dela, quen saía ao balcón para impartir o sermón dominical fronte ao público congregado. Xornalistas dun medio coruñés, El Orzán, foron a entrevistala e Manuela díxolles que o espírito do crego entroulle mentres bebía auga nun rego e que estaba purgando por unhas faltas cometidas en vida.

Sobre o caso opinaron diversos expertos, como o médico Eduardo Pérez Hervada, quen atribuíu o acontecido ao histerismo, ou o teólogo Amor Ruibal, que asimilaba o tema a unha personalidade "mediánica", considerando a Manuela como unha médium, ou o teósofo e masón extremeño Mario Roso de Luna, conectado co ferrolán Matías Usero Torrente, quen entendía que se trataba dun caso de dobre personalidade. O tema tivo repercusión internacional e apareceron artigos nos xornais The Chicago Tribune e Le Petit Parisien.

Na súa análise Urbano Losada partiu da idea de que a parte psíquica das persoas está condicionado polo ambiente psíquico que actúa sobre el: "Da mesma maneira que o compoñente material da nosa personalidade é sometido ás acción do seu ambiente e en parte é produto delas, o factor psíquico da mesma está sometido ás do seu, e en parte por elas moldeado". Desde ese punto de vista, coidaba que a causa do comportamento de Manuela era a autosuxestión, explicando que por medio dela podería introducir no polígono de Grasset determinadas impresións que despois eran exteriorizadas. Ese "polígono" foi creación de Joseph Grasset (1849-1918), quen estableceu en L'hypnotisme et la sugestión (1903) un esquema explicativo das relacións entre os actos conscientes e inconscientes, distinguindo entre un psiquismo inferior, de funcións elementais, e outro superior; representou o inferior por un polígono formado por centros sensoriais de recepción (auditivo, visual e sensibilidade xeral) e por centros motores de transmisión (kinético, articulación da palabra e escritura). Asemade, Losada repasou como en determinadas circunstancias, "e movendo certos resortes", "pódense provocar verdadeiros estados especiais de suxestibilidade". E nos seus razonamentos recolleu as posicións de bastantes expertos, entre eles a Sigmund Freud, comentando a posible incidencia dunha libido reprimida.

O 'poseso Antón Ramilo'

O futuro médico comentou no mesmo artigo un caso acontecido en 1840, o do poseso Antón Ramilo, un home de 31 anos de Santo Estebo de Larín (Arteixo), cualificado como "energúmeno" polo xornal ourensán Católico e considerado un "endiañado" polos veciños. Losada amosouse crítico co papel de certos cregos daqueles tempos, que favorecían a ignorancia dos labregos. E fixo un repaso erudito, con referencias a Schopenhauer, sobre o sentido da vida humana e rematou reflexionando sobre as supersticións como elementos asociados a fenómenos metapsíquicos e cunha alusión, positiva, a Freud, subliñando o valor das "ideas que os pobos arrastran a través dos séculos".

Nesa posición, Losada coincidiu en parte co seu profesor de Patoloxía Xeral na Universidade de Santiago, Roberto Nóvoa Santos, que prestou especial atención ao tema das alucinacións e publicou anos antes unha nota moi breve, Das supersticións: o pobo, adiantándose a ciencia, aparecida en 1923 na revista editada en Betanzos Rexurdimento, Boletín da Irmandade Nacionalista Galega, na que consideraba que sería interesante estudar a relación entre crenzas supersticiosas e estudos metapsíquicos, pois era posible que "os sentimentos do pobo adiantáronse ao estudo e aos descubrimentos dos homes de ciencia". Esta postura chocaba coa visión habitual entre bastantes expertos da época, que asignaban ás supersticións populares un peso negativo e carente de valor, consecuencia da ignorancia e influencias dunha relixiosidade elemental. Nóvoa non ignoraba o peso desas circunstancias pero nos traballos que realizou á marxe da Patoloxía médica buscou xustificar a existencia de elementos a medio camiño entre a materia e o espírito que conectaban aos seres humanos do presente e do pasado. Unha busca á que dedicou bastantes esforzos porén que rematou sen éxito.

Médicos escribindo en galego

A principal finalidade das Irmandades da Fala foi defender e potenciar o uso da lingua galega nos diferentes ámbitos culturais e sociais, incluída a cultura científica. Un obxectivo ben difícil de acadar, pois se partía dunha ausencia de intervencións en galego entre os científicos e había numerosos atrancos a superar. En todo caso, algúns médicos deron o paso de utilizar o idioma propio do país, xunto a Urbano Losada tamén o fixeron Roberto Nóvoa Santos, Miguel Gil Casares, Víctor Lis Quibén e, sobre todo, Xaime Quintanilla, activo membro das Irmandades da Fala. Un avance limitado porén que ten un valor cualitativo, pois na institución que encarnou o esforzo máis salientable canto o uso do idioma galego na ciencia, o Seminario de Estudos Galegos (SEG), o uso da lingua galega non medrou segundo pasaron os anos e a única universidade daquel tempo, a de Santiago, estivo allea ao proceso. Ou sexa, unha parte notable das elites intelectuais do país reaccionaron á chamada das Irmandades con evidente indeferenza, como, por outra banda adoitaron facer fronte calquera convocatoria de cambio. Urbano Losada si que se deu por aludido.