-O Goberno local anunciou que este ano presentaría o proxecto de orzamento antes que o pasado pero ao final fíxoo a finais de novembro. A que se debeu este retraso?

-No proxecto estivemos traballando desde agosto e a instrución para a súa elaboración é de antes incluso. Iso require un traballo previo dos servizos para facer unha proposta por cada área e despois en conxunto. Logo hai que decidir que obxectivos son prioritarios para o Goberno e ver cales son as cantidades obrigatorios. A xente ás veces pensa que os orzamentos poden dedicarse ao cen por cen a políticas, pero hai un 70% que xa está comprometido, porque os gastos de persoal xa supoñen 62 millóns, mentres que os contratos de servizos tamén ocupan unha parte importante. Este ano estivemos condicionados ademais pola falta de goberno na Xunta e no Estado, candos un terzo dos ingresos do Concello vén das súas transferencias. Por iso a maioría dos concellos aínda empezan agora a tramitar os orzamentos e os únicos que se adiantaron foron Vigo e Pontevedra e porque fixeron unha estimación de ingresos, igual que fixemos nós agora, polo que o orzamento queda pendente de modificacións. Tamén estivemos adaptando os resultados dos orzamentos participativos, polo que houbo que integralos en cada área.

-Pero esa demora deixa menos tempo para a negociación co resto dos grupos políticos.

-Se é por falta de tempo para negociar, a oposición non ten escusa porque as propostas para un orzamento se teñen pensadas e elaboradas durante todo o ano. Teñen uns programas políticos, ao igual que nós, e mentres que nós temos a carga de elaborar o proxecto, eles só teñen que facer as propostas coa asignación dunha cantidade.

-Que calendario manexa o Goberno local para a aprobación do orzamento?

-O pleno de aprobación inicial será entre o 15 e o vintetantos de decembro. Despois haberá un periodo de exposición pública e, dependendo de se hai alegacións ou non, a aprobación definitiva será en xaneiro. O obxectivo é telo aprobado a principios do ano que vén, e estará en xaneiro se os outros grupos colaboran na elaboración e presentación de propostas e podemos ter unhas reunións máis o menos áxiles e eficaces. Hai que entender tamén que o que estamos facendo é retrasar a tramitación para poder negociar. Estas dúas semanas desde que lles demos aos grupos a documentación é tempo que perdemos para tramitación, e ademais eles podían presentar propostas en calquera momento aínda que non lles déramos o proxecto.

-Como vai ser a negociación coa oposición? Vai haber un trato preferente para o PSOE?

-Deberiamos coincidir máis con aqueles grupos que nos investiron como goberno e cos que coincidimos en obxectivos programáticos, pero a negociación vai estar aberta aos tres grupos e, de feito, a convocatoria para darlles a documentación foi para os tres grupos. Entedemos que deberiamos chegar a acordos prioritariamente con quen temos máis similitudes programáticas e o PSOE e o BNG son con quen máis podemos ter.

-Como interpreta que o representante do PSOE nesa reunión de entrega da documentación non quixera saír na fotografía?

-No momento sorprendeume bastante porque entendemos que a entrega de documentación aos grupos non pode ser un acto clandestino, xa que é para que se negocie o orzamento. Paréceme que debe ser acto público e a que a xente debe coñecer o que está pasando na negociación do orzamento. Non sei que pretendían. Cal é a outra opción? Darlla clandestinamente?

-Cre que pode ser un síntoma de como vai ser a negociación?

-Espero que non. Penso que como representantes públicos temos que ser conscientes de que temos unha responsabilidade. As cuestións de saír ou non na foto e de sentirse ofendidos sorpréndenme, xa que temos unha obriga importante de chegar acordos para ter un orzamento.

-O alcalde advertiu que a negociación do orzamento non vai ser indefinida e non descartou unha cuestión de confianza. Haberá que chegar a ese extremo para aprobar o orzamento?

-Ademais de durante estas dúas semanas, durante toda a tramitación haberá oportunidades para negociar e nós temos intención de esgotar todas as posibilidades. Despois de que o proxecto vaia á Xunta de Goberno aínda hai opcións de facelo na comisión de Facenda a través de emendas. Preferimos un orzamento negociado e con aportacións dos grupos que chegar á cuestión de confianza.

-Tamén haberá oportunidade durante o proceso de exposición pública?

-Ese periodo é para facer alegacións e tamén cabe a posibilidade de chegar a acordos antes da aprobación definitiva. A intención é esgotar ata o último momento todas as posibilidades de negociación. Non nos parece unha boa solución chegar a unha cuestión de confianza. Aínda que nos acusen ás veces de non querer negociar, penso que ata agora demos todas as oportunidades posibles. Cóstame entender esas tácticas de atrasar a negociación dicindo que non se ten toda a documentación cando o BNG presentou propostas concretas aos dous días de entregarlle a documentación.

-Van chegar os dous millóns que figuran no orzamento para a renda social?

-Axustamos esa cifra cos datos que temos de solicitudes nos dous últimos meses. É un procedemento novo no que non é fácil facer estimacións, pero o que temos claro é que ninguén que teña dereito á renda social se vai quedar sen ela. Faremos a modificación do orzamento que sexa necesaria e entendo que a aprobación será por unanimidade.

-A recadación por taxas e licenzas urbanísticas foi menor este ano do previsto, pero para o vindeiro mantense a mesma.

-O orzamento de ingresos está calculado de forma moi realista e nas previsións de recadación hai algunha variación con respecto a anos anteriores. Nas licenzas urbanísticas houbo descensos nos anos anteriores pola caída da actividade da construción, pero nós preferimos facer unha previsión realista de ingresos e non ter problemas despois.

-Os orzamentos do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) e do Consorcio de Turismo van subir e o do Consorcio para a Promoción da Música baixará. Pode isto reproducir os problemas con PSOE e PP que houbo este ano?

-Non terían moita razón de poñer alguna pega, xa que as partidas das emendas que fixo o PSOE para financiar a Temporada Lírica se executaron e incluso se estivo en contacto cos socialistas para ver como se faría mellor esa execución. Todo o que engloba á Orquestra Sinfónica e ás actividades relacionadas coa música está sobradamente previsto no orzamento. Entendemos que non debería haber problema con este asunto.

-Outro motivo de enfrontamento con estes grupos foi a eliminación das subvencións directas a moitas asociacións que este ano volve a repetirse, como no caso dos colectivos de comerciantes.

-Este ano prevese é introducir subvencións de concorrencia competitiva, o que xa se intentou o ano pasado. Entendemos que hai certas asociacións que deben ir encamiñándose cara a ese sistema, pero tamén sabemos que todas non teñen as mesmas posibilidades e que é complicado, sobre todo para as sociosanitarias, polo que debe avanzarse gradualmente. Pero penso que o PP non ten razón para opoñerse a este sistema e de todas formas hai 5,7 millóns para convenios nominativos e 876.500 para concorrencia competitiva, polo que a suma é superior ao que incluiron PP e PSOE coas súas emendas no orzamento deste ano en convenios nominativos.