O programa Dillo Ti cumpre un ano. A iniciativa, pioneira na cidade, senta unha vez ao mes aos membros do Goberno municipal fronte aos veciños, á espera das súas preguntas e queixas. A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, considera "moi satisfactoria" a experiencia e cre que os índices de afluencia son a proba de que na cidade había fame de interactuar de ti a ti coas persoas que teñen nas súas mans a rendas do Concello.

-Que lectura fai deste primeiro ano de Dillo Ti?

-A valoración é moi positiva, tanto do Dillo Ti como do resto de canles de participación que creamos. No Dillo Ti fixéronse oito encontros ao longo do ano, participaron en torno a 1.000 persoas, o que supón unha media de entre 100 e 120 persoas por reunión. A afluencia é moi satisfactoria, ao igual que a experiencia de que o Goberno fale directamente coa cidadanían, mantendo moita proximidade. É importante que o Goberno local faga ese esforzo de desprazarse e tamén que a xente se volque co seu barrio.

-Os últimos encontros sempre estiveron cheos. Por que cre que hai tanta afluencia?

-O formato penso que axuda, porque é moi simple e se trata dunha conversa mediada, cunha mediadora profesional, que só ten que tomar os tempos e dar as voces. Que se realice en fin de semana, os sábados, anima á xente a participar. Tamén axuda o traballo informativo que facemos para que a xente saiba que iso vai acontecer no seu barrio, así como os servizos de conciliación que temos para que poida ir todo aquel que teña nenos e nenas ou de intérprete de lingua de signos.

-Nestes encontros os veciños expoñen moitas queixas. Faise un seguemento delas para saber se se están a resolver?

-No momento en que se nos fai a pregunta, nós mesmos decidimos a que concelleiro lle toca responder. Do mesmo xeito, cada un tomamos nota e nos facemos cargo de facer un seguemento desas cuestións. Si que é certo que non é un seguemento tan sistemático como o que hai para as demandas que entran polo 010, pero haino. Moitas veces a xente propón asuntos sobre os que o propio concelleiro xa tiña constancia, pero iso axúdanos a reafirmar a importancia de temas que xa estaban na nosa axenda. Nese sentido, no de tomar o pulso á cidadanía, é unha ferramenta moi útil.

-Cal é a retroalimentación que reciben dos veciños ao acabar os actos do Dillo Ti?

-A xente agradece moito a cercanía porque dalgunha maneira non había costume nesta cidade de ver a todo un Goberno e poder conversar tranquilamente con eles, ou facer preguntas e demandas. Para nós o Dillo Ti é positivo porque nos axuda tamén a todos a poder dar un traslado de información con algo máis de tempo e tratando de explicar as cuestións máis en detalle. Hai trámites que teñen uns pasos administrativos que é normal que a xente non coñeza. Esta é unha oportunidade para explicar como funciona a administración. A xente agradece moito esa posibilidade de conversa, de plantexar temas concretos e moi pequenos até outros máis amplos sobre o modelo de cidade que queremos.

-Coa experencia destes oito encontros, que cambios introduciría no Dillo Ti?

-Todavía estou en proceso de balance e antes querería facer unha posta en común co resto de compañeiros. En xeral, creo que o formato é bastante exitoso e que non hai moito que modificar. É un acerto ir percorrendo toda a cidade. O último foi na Cidade Vella e o seguinte será en Os Rosales. Sempre tratamos de que haxa unha distancia entre un punto e outro e eu creo que manteremos sempre ese formato.

-Haberá posibilidade de reservar un espazo para oposición, como reclaman algúns partidos?

-Eu creo que é bastante sintomático e un pouco contradictorio por parte da oposición tratar de deslexitimar un programa do Goberno municipal. Por un lado preténdese deslexitimar a acción da Concellería pero por outro lado queren ter presenza. Non ten ningún sentido que participen porque é un programa do Goberno. Eles tiveron posibilidade de aplicar algo así cando gobernaron pero non fixeron nada. Non entra esa aportación que fai a oposición e lles pido que respecten a lexitimidade do Goberno para poñer en marcha os seus programas.

-Nalgunhas sesións fixeron promesas sobre obras ou investimentos que se desenvolverán no próximo 2017. Non é arriscado facer estes anuncios tendo en conta que o orzamento aínda está no aire?

-É un espazo que tamén posibilita dar un traslado de información e das iniciativas que está previsto que se fagan no barrio. Despois, obviamente, en cada obra específica que se fai en cada barrio mantemos a interlocución habitual coas asociacións da zona. Isto é unha toma de contacto, un espazo de traslado de información sobre cousas que se están facendo, que se fixeron ou que se poden facer no futuro pero cada iniciativa terá a súa tramitacion e haberá algunhas que se fagan exactamente e outras que non se fagan como tal.

-Cando comezará a segunda volta no Dillo Ti, repetindo centros cívicos?

-A intención é completar o conxunto de centros cívicos e, a partir de aí, xa tocará dar a volta. Xa veremos se damos a volta mantendo a orde ou non. A ver se este ano podemos facer planificacion con máis tempo.

-Pensa que, de saíren do Goberno, o apoio da xente ao Dillo Ti faría que se mantivese con outro partido en María Pita?

-Eu traballo sempre con esa perspectiva para todos os espazos de participación, pero non o sei. Esperamos que calquera que veña despois respecte ese dereito da veciñanza a participar no gobenro da cidade. Nós estamos tratando de colocar os vimbios.